Estará centrado especialmente nos barrios da cidade

A Concellería de Medio Ambiente pon en marcha un dispositivo de reforzo da limpeza viaria en agosto

A responsable municipal desta área, María García, indica que ademais dun calendario marcado, “terase en conta a celebración de festas e actividades propias deste mes”. É a primeira vez que o Concello pon en marcha un plan semellante, “de aumento da limpeza e, ademais, co auga mediante baldeadoras nos barrios, en época estival”

A Concellería de Medio Ambiente pon en marcha un dispositivo de reforzo da limpeza viaria en agosto
María García
A concelleira de Medio Ambiente, María García, na inauguración da Feira de Artesanía Mostrart

Fonte: Concello da Coruña | 30/07/2016

A Concellería de Medio Ambiente vén de activar para este mes de agosto un dispositivo de reforzo da limpeza viaria --derivado tanto do aumento de actividades na rúa este mes como da ausencia de choivas deste verán-- especialmente centrado nos barrios, e que, aínda que establecerá un calendario semanal de actuacións, terá en conta as datas das festas en cada zona da cidade. Este dispositivo especial, que se iniciará o próximo luns, baséase na utilización da auga --que será dispensada a través de baldeadoras-- como complemento nocturno á limpeza das rúas. "É a primeira vez que o Concello pon en marcha un plan de reforzo coma este, con auga, nos barrios e en época estival, algo que nos parece moi necesario debido ao verán especialmente seco que estamos a ter, que fai que aumenten os olores", comentou a responsable desta área municipal, María García.

Ao longo do ano unha baldeadora actúa na zona centro da cidade, en horario de mañá, todos os días da semana. Ademais outros dous dispositivos desta natureza traballan, tamén de mañá, na Cidade Vella e Pescadería, así como na zona do Ensanche, Praza de Pontevedra e entorno, os luns, mércores, venres e domingo. Igualmente, martes, xoves e sábados de mañá as baldeadoras desprázanse a San Andrés e ao entorno do Paseo Marítimo. Pola tarde, e todos os días da semana, unha baldeadora mantense a demanda de toda a cidade, mentres que en horario de noite, e tamén de luns a domingo, outra máquina limpa con auga as rúas peonís da cidade. "A nosa intención é agora, ademais deste servizo, que dúas baldeadoras máis reforcen o servizo de limpeza nos barrios en horario de tarde", destaca García. "O Goberno local, ao contrario que os anteriores, aposta de verdade pola descentralización e polos barrios. Aumenta as actividades nestes, tamén durante as festas, e a resposta coherente debe pasar por ampliar do mesmo xeito o servizo de limpeza viaria", explicou a responsable de Medio Ambiente.

Así, e segundo o dispositivo engadido posto en marcha para este mes, o reforzo de limpeza con auga levarase a cabo os luns, mércores e venres en Labañou, e a zona Sagrada Familia-Os Mallos Estación. Os martes, xoves e sábados terá lugar na zona comprendida en Monte Alto-Zalaeta-Torre en na de Monelos-Eirís-Elviña. Os domingos, unha baldeadora actuará en Novo Mesoiro e outra en Pescadería e Ensanche. Igualmente, as noites dos martes, xoves e sábados, o reforzo terá lugar na área Os Castros-Conchiñas-Agra do Orzán. "A pesar de que hai un calendario fixado, o servizo terá en conta, a maiores, a celebración de festas nestes barrios durante todo o mes", destaca a edil. Ademais, e de forma adicional, incrementarase o dispositivo humano encargado do varrido manual na zona centro da cidade, todos os días en horario de tarde.

A concelleira de Medio Ambiente explica que este reforzo se encadra dentro do conxunto de actuacións pioneiras posta en marcha este verán, e que están a obter uns "moi bos resultados". Así, a edil destacou todo o dispositivo especial de recollida posto en marcha no centro da cidade e que se basea, entre outras medidas, na distribución durante todo o mes de 28 contedores portátiles na zona centro, que son recollidos a partir das 17.00 horas, co obxectivo de non ocupar espazo na rúa e favorecer o tránsito e o benestar da veciñanza.

"Todas estas actividades de reforzo, así como as demandas que estamos recollendo, e as respostas que estamos a dar as mesmas, son especialmente tidas en conta á hora de redactar o novo prego para a contratación, o ano que vén, do servizo de limpeza", comentou García. "Incorporaremos a ese novo proceso tanto criterios de calidade ambiental como as demandas da cidadanía, e por suposto, as súas solucións", indicou, á vez que fixo un chamado a toda a veciñanza a "corresponsabilizarse coa limpeza da cidade". "Reforzamos o servizo, e estamos a traballar para dar respostas, pero necesitamos tamén da concienciación da cidadanía", dixo.

A Concellería de Medio Ambiente pon en marcha un dispositivo de reforzo da limpeza viaria en agosto