Comité de Memoria Histórica Celanova

“Adiante. A palabra de Xosé Velo’’, cinco poemas de Pepe Velo musicados por Sindo Otero

O Comité de Memoria Histórica da Comarca e a Fundación Moncho  Reboiras colaboran na recuperación da obra do poeta celanovés.
“Adiante. A palabra de Xosé Velo’’, cinco poemas de Pepe Velo musicados por Sindo Otero
Portada do disco
Portada do disco

Hoxe, cando se cumpren 90 anos da publicación en Celanova do primeiro e único número de Adiante, semanario da Mocedade Galeguista, o Comité de Memoria Histórica de Celanova e a Fundación Moncho Reboiras avanzan a publicación do disco Adiante. A palabra de Xosé Velo, no que o músico Sindo Otero recrea e pon música a cinco poemas do autor celanovés, un dos fundadores daquelas mocidades e editor do Adiante, que é o título dun dos poemas recuperados e do propio disco. 

Sindo Otero Badás (Bande1965) é músico e excompoñente de Kérkennai, formación coa que ten actuado a nivel nacional e internacional. En agosto do 2020, durante unha conferencia en Celanova do historiador Xosé Estévez sobre Pepe Velo, xa presentou unha versión musicada do poema Carceleiriña, que fai parte desta obra. 

O disco estase a gravar nos estudos Visué, de Suevos (A Coruña), co acompañamento nas voces de Camila Álvarez e Manuel Abalo, e no piano e na produción de Nacho Varela. Constará de cinco pezas orixinais con letras de Xosé Velo, entre as que se inclúen dous poemas manuscritos do propio autor e un audio coa voz de Velo. O poema que dá título ao disco, Adiante!, foi escrito por Velo en 1932.

 

Comentarios
“Adiante. A palabra de Xosé Velo’’, cinco poemas de Pepe Velo musicados por Sindo Otero