CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 13

Fútbol en corentena

A suspensión da liga pódese interpretar como un regalo para un Dépor que estaba sufrindo? Os dados xogan a favor dos branquiazuis. Mais a tempada podería non se completar.  
Fútbol en corentena
Xogadores do Dépor no ximnasio. @RCDeportivo
Xogadores do Dépor no ximnasio. @RCDeportivo

Na antepenúltima etapa do Tour de 2019, Egan Bernal atacou subindo o Col d’Iseran. O colombiano tomou vantaxe moi rápido, coroou en cabeza e lanzouse no descenso xa como líder virtual coa intención de sentenciar a carreira. Quedaba a última subida a Val d’Isère. Pero unha tormenta moi forte en pleno mes de xullo provocou desprendementos de terra e a lama inutilizou a estrada pola que circulaban os ciclistas. A organización reaccionou de inmediato e parou a carreira. Despois, decidiu establecer as clasificacións cos tempos de paso polo alto de Iseran. Houbo críticas porque moitos se sentiron prexudicados. Bernal, que era o home máis forte do pelotón, consolidou o seu liderado ao día seguinte e gañou o Tour. Ao fin, as decisións da organización consideráronse xustas.

Dez meses despois de aquel evento, en plena crise da epidemia do COVID-19, a Liga de Fútbol Profesional, seguindo a recomendación das autoridades sanitarias españolas, vén de tomar a decisión de suspender as competicións indefinidamente a falta de once xornadas para o final tanto en Primeira como en Segunda División. A liga non se volvera parar desde a Guerra Civil. Mais ninguén discutiu a necesidade dunha medida que xa se tomou antes en Italia. 

“Non me pregunten a min sobre o COVID-19, pregúntenlle á xente que sabe diso”, pediu esta semana Jürgen Klopp, o adestrador do Liverpool. O fútbol é un ámbito máis da vida social que se ve afectado pola pandemia, un fenómeno fóra do control (polo momento) dos organismos de gobernanza mundial. O fútbol non ten nada que dicir sobre iso. Que falen os que saben.

Sen público

Fernando Vázquez parecía superado polas circunstancias, quizá foi porque a sala de prensa estaba deserta por precaución durante a comparecencia do adestrador do Deportivo este venres. FV, habituado a ter público, trataba de encontrar acomodo para o capítulo da suspensión no relato da fazaña da salvación ao que se vén amarrando desde finais do ano pasado.Sen público, o discurso do técnico 'pesa' menos; o Dépor, sen Riazor cheo, é menos equipo. De aí o desasosego... 

A suspensión colleu o Deportivo de Fernando Vázquez subindo o Iseran a cola de pelotón. Loitan os de FV por non descolgarse despois de ter protagonizado unha remontada espectacular. Cazaron o pelotón en xaneiro e mesmo ían como líderes de media-tempada. Agora, parecen acusar o esforzo. Sufre o Dépor, pero resiste amarrado ao discurso do técnico que é unha táboa de fórmulas matemáticas. Fe na ciencia, como se pide estes días... mesmo os que nunca lle fan caso.

Como se pode racionalizar esta circunstancia na épica dunha remontada que a comezos de ano parecía unha empresa titánica sen certeza algunha de éxito?

Os números

Vázquez adora as estatísticas. Non hai semana que non bote contas e explique con números algunha decisión táctica ou estratéxica. Por exemplo, días antes de viaxar a Almería, advertiu que un partido ten un 50% de factores que dependen do azar e outro 50% de factores que os equipos intentan controlar. Confesou que a compoñente azarosa viña beneficiando obxectivamente o Dépor nas xornadas precedentes. Despois de Almería, asumiu que ás veces tamén se perde o control sobre os factores non azarosos. Hai erros e son moi humanos.

A suspensión da competición até novo aviso é unha circunstancia que cae completamente do lado dos factores azarosos. Nada hai na caixa de ferramentas para enfrontar unha situación así. É incerteza absoluta. Fóra de xogo matemático. Brincadeira dos deuses que xogan aos dados cos soños dos mortais.

O peor do escenario actual é que non hai prazos. A competición parada e o descoñecemento a respecto de cando se reiniciará iguala a todos os equipos. Só queda volver a rodar, e esperar.

Como se pode racionalizar esta circunstancia na épica dunha remontada que a comezos de ano parecía unha empresa titánica sen certeza algunha de éxito?

A corentena rompeu a lóxica desta remontada. É obrigado parar, descansar, tomar perspectiva desde o que pasou e visualizar o próximo. 

Volvendo aos números. Eses once partidos, de xogarse, serán outra liga: a etapa prólogo da tempada que vén. Un sprint feroz cos que corren para ascender e os que corren para non descender separados por unha uña, non máis. Este é un dos nós da historia do Deportivo de FV. Un deses momentos do relato nos que o tempo se detén e tomarase unha decisión crucial. 

Un regalo?

En certo sentido, un regalo dos deuses. Cando o Deportivo apertaba os dentes para non verse relegado, xusto despois do golpe anímico de Almería; cando a orde parecía debilitarse e había que levantase rápido para que o Xixón non fora collernos coa garda baixa… chega a Liga e suspende os partidos. As dúbidas asaltan a FV, mais inmediatamente comprendeu. Está escrito. As circunstancias xogan para nós, ese 50% azaroso segue soprando nas velas do Dépor. Xusto antes do afundimento, que tería sido definitivo (ou non), Vázquez atopa un as entre as mangas. Cousa de maxia ou de dados. 

Por iso escribimos esta crónica acompañando o presente. Non pode ser que as historias teñan sentido só cando rematan e coñeces o final.

- “Pero iso é o fútbol…”, protesta Piñeiro. “Ai dos heroes que se empeñan en escribir o seu propio relato!”.

Os heroes sofren intentando desentrañar o significado dos sinais. Desesperan. “Para iso está a estatística. Menos películas!”, resolve Piñeiro.

No mellor dos casos, terán que elixir: ou Liga ou Eurocopa. A día de hoxe, parece máis complexa a celebración da Eurocopa.

Corenta días sen épica

Probabelmente a corentena dure ben eses corenta días. Así as cousas, se a Liga decidide retomar as competicións, disporía de seis semanas antes do comezo da Eurocopa. No mellor dos casos, terán que elixir: ou Liga ou Eurocopa. A día de hoxe, parece máis complexa a celebración da Eurocopa pola necesidade de coordinar doce países. 

Ese parece o escenario máis razoábel para planificar o traballo nos clubs, independentemente se o equipo pode adestrar con normalidade ou se cada xogador debe facelo pola súa conta. 

Outra cousa sería que a corentena continuase máis alá do mes de abril. Daquela a liga terminaría na xornada 29. Como o regulamento non é claro, os intereses rematarían nunha disputa xudicial… ou, o máis práctico, o que sensatamente propugna FV: ano perdido, nin ascensos nin descensos. Volver en setembro. Volver a Almería, ao Iseran, chegar até o Val d’Isère. 

#ResisteDéporResiste

Comentarios
Fútbol en corentena