CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL - CAPÍTULO 15

Preguntas abertas

A prudencia aconsella non tirar demasiadas conclusións deste primeiro partido da nova normalidade. O Dépor empatou sen goles nun Riazor baleiro e Fernando Vázquez deixou algún apunte de por onde quere mellorar o equipo.
Preguntas abertas
Keko dispara a portería no partido de onte en Riazor. @RCD
Keko dispara a portería no partido de onte en Riazor. @RCD

Os datos din que o Dépor leva 5 partidos sen gañar e onte completou o seu terceiro empate consecutivo en Riazor (o segundo sen goles). O equipo está en lugares de descenso a dez xornadas do final da Liga.

Mais alá diso, a prudencia aconsella non tirar demasiadas conclusións deste partido. As circunstancias cambiaron despois de tres meses sen fútbol e técnicos e xogadores aínda están en fase de adaptación.

Pode que Fernando Vázquez rompese conscientemente o fío do discurso que viña mantendo: hai que ganar tantos partidos (só contan as vitorias) e marcar tantos goles. Agora, no tramo final da tempada entran en xogo máis factores e combinacións. Aquel discurso serviu para aqueles días. Esgotouse. Cómpre atopar axiña outro fío...

Partido 1: mal no medio, defensa esixida.

O Dépor saíu con cinco defensas, entre os que debutaba Ba, e dispuxo dous dianteiros (Sabin e Beauveu). Vázquez confesou que soñara un partido no que Gaku e Vicente ocupaban terreo, avanzaban a liña de presión cos laterais até o campo rival e alí rescataban o balón para que Çolak lanzase aos puntas. A idea era gañar rápido. Os dianteiros ameazaron pero o gol non chegou. O Sporting contragolpeou e fixo sufrir a zaga local, en especial o costado esquerdo. 

Neste tramo, os visitantes mandaron un balón ao pau. E Vázquez decidiu cambiar.

Pode que Fernando Vázquez teña aínda dúbidas a respecto que plan activar e por iso recorreu de principio a defensa habitual con tres centrais e dous laterais, e despois plantou unha liña de catro. Non se sentía seguro, confesou ao final.

Partido 2: sen ataque.

Peru adiantouse ao mediocampo para axudar no traballo de contención a Gaku e Vicente. O debuxo mudou a un 4-4-2. O Dépor creceu ao redor do balón. 

Pode que Vázquez teña decidido xa se Peru é central ou é mediocentro, pero que a baixa de Mujaid condicionase as opcións diante do Xixón. Pode que teña claro onde ten que xogar Peru e estea esperando por Uche.

Mais o ataque apagouse pouco a pouco. As bandas desapareceron, e Çolak afogou polo medio. Sabin e Beauveu non volveron ver un balón até o descanso.

Partido 3: o camiño máis curto.

Pode que Vázquez pense que a aposta ten que ser un 4-4-2 porque a defensa estará máis segura e as dúas puntas ofrecerán máis presenza na área. Pero a idea non funcionou cara adiante. Ese plan está por activar.

No arranque da segunda metade, o Dépor volveu ao 5-3-2. O Dépor apostou por gañar sen tanta cociña no medio campo, cun xogo directo. E Eneko estivo a piques de marcar despois dunha asistencia maxistral de Çolak. O fútbol que cose o turco tiña producido goles inesperados como ese. Mais desta volta non foi e Vázquez tirou de recursos. Se a idea da presión alta non tiña funcionado, quizais funcionara o contragolpe.

E debeu pensar que, xa postos, mellor contragolpear con dous extremos que con dous laterais: e deu entrada a Keko e Kone. Renunciou a dobre punta e a Çolak. Axitou o equipo. E durante dez minutos pareceu que ía acertar co camiño. Sabin rematou na área pequena un centro de Kone, pero o terceiro acto concluíu con vasco substituído por Santos, un nove a balón parado.

Partido 4: a parada de Dani.

O cambio de Santos por Sabin sinalou o último acto. A solución agónica dos balóns colgados. O venezuelano dispuxo dunha ocasión a remate de cabeza na área pequena. Non acertou. O Dépor esgotara todos os seus recursos ofensivos.

Na portería estaba Dani Jiménez, que apareceu no momento máis crítico para impedir o gol do Xixón. Os dous equipos asumiron o empate.

O Dépor xogou catro partidos nun. Cambiou varias veces de táctica, mantivo a concentración en todo momento. Pelexou e esforzouse sen a recompensa doutras tardes. Non foi o mellor pero tampouco o peor partido da xeira de Vázquez. Mais visto en conxunto, a proposta pareceu cargada das inconsistencias dun comezo de Liga, que é o que se está a producir, por máis que andemos xa pola segunda quincena de xuño. Todas as cuestións están abertas, como en calquera principio. O malo (ou o bo) desta historia é que será breve...

A ficha do partido

Comentarios
Preguntas abertas