CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 6

Quen sabe de adestradores?

Fernando Vázquez reúne máis de douscentos técnicos e afeccionados nunha charla formativa en Vimianzo organizada pola Federación Galega e afirma: “Onde hai un bo adestrador, hai un bo equipo”.
Quen sabe de adestradores?
Fernando Vázquez nas xornadas formativas da FGA en Vimianzo (2)
Fernando Vázquez, nas xornadas formativas da FGA onte en Vimianzo. Fotos: @EntreNós

Eventualmente, Fernando Vázquez é o xefe no Deportivo. Sería bo que durase. Bo para afección, que sente que no club hai alguén que escoita o seu sentir. Bo para a canteira branquiazul. Bo para a directiva do club, porque se atreve a soñar en grande sen levantar os pés da terra. Bo para o fútbol galego, porque cre nel, e quen sabe se algún día, quizá, será el quen tenda unha ponte entre as dúas beiras do océano do fútbol galego.


O fútbol galego –esa cousa que sempre se xogou nun lameiro ou entre pedras, e algunhas cousas que se aprendían contra o terreo xa non hai onde aprendelas, ai!–, este fútbol cre en Fernando Vázquez, e por iso onte técnicos (técnicas, que algunha había) e seareiros encheron o auditorio de Vimianzo para escoitar a un rapaz de 65 anos que presume de ter xogado na Liga da Costa –“un porteiro daqueles que saía cos tacos por diante rompeume as tripas cando tiña 24 anos”– e ter preparado ao Lalín.

Despois do asunto da tripa, Vázquez casou en Touro (si, onde a mina), ao lado da casa, e fíxose adestrador case ao mesmo tempo que profesor de inglés. “Daba clase en Noia, volvía para casa e, despois, ía adestrar a Lalín, á escola de fútbol onde me levou Julio Díaz. Adestraba todos os días, categorías diferentes. E, a fin de semana, partido”, dixo diante de xente que coñece ben esas noites de fútbol.

“Tes que ser boa persoa para ser adestrador. Por que? Porque se es boa persoa todo o mundo che axuda, os directivos, os xogadores… para ter éxito, teñen que axudarte. Eu estaba no Lalín e pensaba que ninguén miraba para min. Pensaba, si, que podería ser preparador en Terceira ou en Segunda B… mais non fóra de Galiza. Tiña o meu traballo. Pero, claro, se te ficha o Compostela e paga o pagaba... Entón pensas: pois para gañar isto tería que traballar dez ou quince anos”.

Fernando Vázquez non viña impartir unha lección. Diso encargouse antes o actual director da canteira do Dépor, Albert Gil, quen se empeña en manter que o país non ten a poboación suficiente para producir unha canteira vizosa e non soubo explicar por que a canteira do Celta si o é, cando as limitacións aparentemente son as mesmas.

Vázquez empatizou co auditorio porque lle contou á xente o que xa sabe, que é o mesmo que el pensa: que o fútbol de canteira é traballo e que no traballo está a base de todo no fútbol. Traballo e humildade. Non fala palla. O Dépor xoga como pensa o técnico.

“A vitoria é predicíbel”

Non veu dar unha lección, mais deixou algunhas ensinanzas. Como cando uns rapaces lle preguntaron por unha fórmula concreta para arengar vestiarios deprimidos. Vázquez dixo que non tiña frases feitas, pero ao fin cedeu. “A vitoria é predicíbel”, dixo.

“A vitoria non é unha utopía, nunca; é predicíbel porque é o resultado dun traballo, de moito traballo, convicción e determinación”, explicou. Pódese!, que di o lema destes días en Riazor. Afouteza!, que din os veciños do sur, para quen pedían consello os rapaces que interpelaron a Vázquez. 

Vázquez é un tipo que ofrece esperanza porque sinala un camiño (ese é o seu traballo nesta altura no Dépor). Ademais, Vázquez ofrece confianza porque a se pode permitir discrepar co presidente da Federación é espetarlle a un político profesional que “a selección galega de fútbol debe estar á marxe da política”.

A estas alturas, Vázquez pode discrepar do presidente da Federación é espetarlle a un político profesional que “a selección galega de fútbol debe estar á marxe da política”

Prexuízos e centrais

Vázquez tamén gusta de rachar algúns tópicos e non se corta ao denunciar certos prexuízos que seguen existindo no fútbol. 

Fernando Vázquez nas xornadas formativas da FGA en Vimianzo (3)“Os xogadores profesionais son iguais que os de preferente. Non te comen. Hai que falar con eles, iso si. Eu, até acabei convivindo sen problemas con Penev, que dicían que era terríbel. Ás veces son os xornalistas os que insisten niso de que o mesmo che falta algo de coñecemento do vestiario porque non fuches futbolista profesional. O que hai que aprender do vestiario apréndelo en dous días. Non creo que os xogadores do Madrid miren Zidane daquela maneira por ter sido quen foi. Non o creo. Como tamén me molesta que me digan que son un motivador. Eu son un adestrador. Son iso: un adestrador. E hai moi bos motivadores e comunicadores que teñen á prensa fascinada, e detrás non hai nada”, confesou Vázquez case dun tirón.

Despois dun respiro, engadiu: "Tiven un porteiro moi noviño no Mallorca que o chamaron a unha convocatoria da absoluta de Arxentina. Cando volveu, pregunteille que tal lle fora. E contestou que o adestrador nin sequera o saudou. Era Bielsa, o adestrador. Bo comunicador, si. E fixo un fútbol espléndido o primeiro ano no Athletic. Mais eu son dos que pensa que hai que falar cos xogadores. Xa digo, son iguais en todos os vestiarios".

“Quen sabe de adestradores? Saben os directivos, sabe o público…?”, preguntouse Vázquez baixando a voz até calar nun silencio dramático que anunciaba o momento máis importante da charla. “Non creades que os bos adestradores son os que gañan. Son os bos os que gañan? Quen é bo: o que leva o seu equipo xogar o 100% e perde, ou o que gaña cun equipo o 60% do que pode dar de si?”.

“Todo o mundo sabe de futbolistas? Todos sabemos! Calquera afeccionado. Porque os xogadores vense. Mais o adestrador non se ve. O seu traballo está agochado. Sabedes por que ultimamente os porteiros e os dianteiros empezan a custar case o mesmo que os dianteiros? Porque agora fanse números, está o famoso big-data, e resulta que se constatou que dá máis puntos non encaixar que marcar. Resulta que non encaixar, segundo a estatística das grandes ligas, garante 1,5 puntos… Por iso os centrais se cotizan. Que pasaba antes? Que non se botaban esas contas. E o traballo dun central non se ve, como o do adestrador. A intelixencia, a colocación… iso non se ve”.

Mais o fútbol, fóra tópicos e prexuízos, é contraditorio mesmo nos números. “Ollo!”, avisa Vázquez, “a vitoria é un engano”. E ponlle o ramo o argumento. Os bos adestradores non son os que máis partidos ganan, son os que levan os seus equipos a render o máximo. “E onde hai un bo adestrador, hai un bo equipo. O adestrador é o 10% dun bo equipo”, rematou.

"Dá máis puntos non encaixar que marcar. Resulta que non encaixar, segundo a estatística das grandes ligas, garante 1,5 puntos… Por iso os centrais se cotizan. Que pasaba antes? Que non se botaban esas contas. E o traballo dun central non se ve, como o do adestrador. A intelixencia, a colocación… iso non se ve”.

As claves do actual Dépor

O público non tiña présa. Está afeito a pensar o fútbol de noite. Ben pasadas as dez, os rapaces pedíronlle a Vázquez unha frase para motivar vestiarios coa brincadeira de pasarlla o Celta. Tamén alguén inquiriu polo contraste do fútbol de antes, o de hai vinte anos, cando moitos dos asistentes aínda se vestían de futbolistas, e o de hoxe, que todos viven desde a banda. 

Fernando Vázquez nas xornadas formativas da FGA en Vimianzo (1)Algo canso, Vázquez concedeu que os futbolistas de hoxe dispoñen de maiores coñecementos tácticos e destrezas técnicas. Mais bota de menos algunhas virtudes que se foron perdendo: o xogo de cabeza, o un contra un, a agresividade… Todo iso, dixo, era unha esixencia “dos campos de xogo”, hoxe tapices perfectos sobre os que a pelota vai e vén a ras do céspede. 

Mesmo cambiaron algunhas cousas que non terían por que ter cambiado. Vázquez dixo, por exemplo, que aprender a defender en zona a idades temperás limita as habilidades individuais. A defensa en zona, lembrou, xera certa perda de responsabilidade. 

O por fin falou Vázquez do actual Deportivo. Explicou a práctica desde a teoría. “O fútbol non é táctica, é estratexia. Son momentos. Tes que valorar as forzas propias e as do rival, e decidir. Á veces sabes que só podes facer unha cousa ben, e depende do adestrador convencer os xogadores. Teste que adaptar ao equipo, por suposto. E mesmo, cando é preciso, violentar o sistema para incluír un xogador que cres que ten que xogar. O que fixo o Dépor foi deixar de encaixar goles. Cando cheguei, fixen números. Doce vitorias e anotar o dobre de goles que encaixemos. Pero xa empezaramos a gañar con Luís César. A racha empezou aí. Nunca saberemos se con el a racha tería chegado até aquí”.


#ResisteDéporResiste

Quen sabe de adestradores?