Rocío Gómez, activista de Stop Desahucios Coruña

"O feminismo ten que pór énfase na denuncia da exclusión residencial"

ENTREVISTA | Comeza este venres na Alexandre Bóveda o ciclo 'Muller e realidades comúns" cunha conferencia que convida o feminismo a incluír na súa axenda o debate sobre a exclusión residencial. 
"O feminismo ten que pór énfase na denuncia da exclusión residencial"
Rocío Gómez Lema. Activista STOP DESHAUCIOS CORUÑA (2)
Rocío Gómez Lema.

Rocío Gómez Lema (A Coruña, 1965) é activista de Stop Desahucios Coruña. Hoxe venres (19.30 horas, na AC Alexandre Bóveda - rúa Olmos) ofrece unha palestra sobre a exclusión residencial como outra forma de violencia contra as mulleres. 

Hai unha semana, Rocío denunciou na prensa que tiñan detectado pisos-patera nos barrios da Agra do Orzán e dos Mallos. A expresión motivou algunha crítica nas redes sociais entre activistas polo dereito á vivenda. “É un termo establecido hai anos que non pretende desprezar os inmigrantes, máis ben do que se trata é de reflectir que nesas vivendas saturadas se está a vivir a mesma inseguridade que a bordo dunha patera”, matiza.

Por que ve preciso ofrecer unha charla explicando que as mulleres son un grupo especialmente sensíbel cando hai dificultades de acceso á vivenda?

Porque o somos. Porque a nivel de Estado, o 90% das persoas que acoden ás plataformas cidadás como Stop Desahucios na procura de axuda son mulleres, e eu diría que no caso da Coruña, esa porcentaxe é inda maior. E penso que desde o movemento feminista é preciso visibilizar tamén a exclusión residencial como un asunto que afecta á muller. O mesmo énfase que o feminismo pon ao falar de pobreza feminina ou de supervivencia feminina, teno que pór ao falar da exclusión residencial. O feminismo ten que pór énfase na denuncia da exclusión residencial. No conxunto do Estado español a vivenda é a segunda causa de exclusión social por detrás do desemprego, pero aquí na Galiza é a primeira causa. Calculan que haberá unhas 300.000 vivendas baleiras neste país, e nesta cidade todas as fontes din que entre 19.000 e 20.000. 

Son invisíbeis tamén cando se fala de sen fogarismo?

Esa é outra cuestión. No conxunto do Estado disque o 80% das persoas en situación de sen fogarismo extremo son homes e un 20%, mulleres. Na Coruña penso que serán inda menos as mulleres. Funciona un estereotipo dun varón de mediana idade, mal aseado e con problemas co alcol. Pode responder a unha realidade, certo. Mais, que sucede? Que as mulleres fan todo o posíbel por non acabar na rúa. Buscan apoio familiar, institucional, van a unha pensión, comparten piso, métense nun galpón… E nesas decisións prima o prezo, non a seguridade. Pero todo, antes que acabar na rúa. De feito, coñécese que as mulleres que acaban na rúa están moito peor de saúde ca os homes.   

Volvendo ás causas. Por que as mulleres se ven máis afectadas cos homes?

Porque sufrimos taxas máis altas de paro e de temporalidade, porque temos salarios máis baixos. É dicir, somos máis pobres. E ademais adoitamos a facernos cargo das labores de coidados, o que reduce as posibilidades laborais. Porque falta de tenencia, as mulleres non somos maioritariamente propietarias. Porque con menos ingresos, non só se fai máis difícil o acceso, senón tamén o mantemento das condicións de habitabilidade. Mesmo ás veces vemos que a vivenda se converte nunha arma de violencia contra a muller. Pasa en casos de divorcios, o marido marcha e comprométese a seguir pagando a súa parte da cota da hipoteca, despois deixa de facelo.

As mulleres fan todo o posíbel por non acabar na rúa. Buscan apoio familiar, institucional, van a unha pensión, comparten piso, métense nun galpón… E nesas decisións prima o prezo, non a seguridade. Pero todo, antes que acabar na rúa.

Ve correcto que se vinculen as políticas públicas de vivenda coas políticas de servizos sociais ou xustiza social?

Non. Evidentemente, non. O problema do acceso á vivenda ten moitas dimensións. Non se pode reducir todo a unha emerxencia. O problema, tamén desde un punto de vista feminista, ten a ver, insisto, coas condición laborais, coa distribución dos coidados, dos ingresos, coas formas de propiedade. 

Rocío Gómez Lema. Activista STOP DESHAUCIOS CORUÑA (3)Para enfrontar este problema están a aparecer novas formas de habitar. Tamén sucede nesta cidade…

Claro. Acabámolo de ver, a nosa denuncia dos pisos-patera, o dos galpóns na Zapateira… Iso crea outros problemas. Empezando por problemas de convivencia. Non é sinxelo convivir con descoñecidos. E están as condicións das vivendas ou infra-vivendas: as humidades, o frío, a falta de electrodomésticos… por que pensa que hai tantas lavanderías nestes barrios? Hai xente que ten que elixir entre ducharse ou lavar a roupa… no dá para ter de todo na casa. Despois, está a cuestión dos contratos. Igual non hai tanta vivenda baleira como se pensa. No mellor dos casos o único documento que existe é un recibo.

Tamén detectan o cambio nos perfís afectados?

Si. Hai cada vez máis xente moza, máis mulleres e máis inmigrantes que padecen os problemas de non ter un teito, os que máis sofren os desafiuzamentos. Os despexos non pararon. Que pasa? Que a maioría, ao redor dun 70%, son por falta de pagamento do alugueiro; mentres que os casos de hipoteca negócianse. Antes había moita xente denunciando á banca nas plataformas. Pero poucos queren facelo público cando se trata dun alugueiro, porque despois teñen que buscar outro e o mesmo non o topan por iso. Hai uns meses, a concelleira de Igualdade [Yota Neira] saíu na prensa alertando sobre estas cousas. Pero alertando quen? Serán as Administracións as que teñan que responder, non alertar… Despois están os despexos invisíbeis. Remata o período de alugueiro e sóbenche 100 euros, ou 190, como nos contou unha muller non hai moito.

A concelleira de Igualdade saíu na prensa alertando sobre estas cousas. Pero alertando quen? Serán as Administracións as que teñan que responder, non alertar…

Que están facendo ao respecto as Administracións públicas nesta cidade?

Sobre isto gustaríame dicir que o principal problema das axudas públicas está no acceso. Para ter dereito á Risga tes que presentar un contrato normalizado de alugueiro. E quen precisa da Risga moitas veces non o ten. Unha das persoas que traballa na Cociña Económica da Coruña explicaba que teñen 500 persoas alí empadroadas. Despois hai outro problema: a axuda en si mesma. Se miras as cifras do IGVS (Instituto Galego da Vivenda e o Solo), nos últimos cinco anos o prezo do alugueiro na cidade da Coruña aumentou un 30%. E iso, tirando de cifras que se refiren ás fianzas depositadas no IGVS, é dicir, contratos normalizados. Neste caso, o prezo medio é de 500 euros ao mes. Mais vemos que en barrios como Catro Camiños ou Monte Alto, a cousa vai por riba dos 600. E resulta que para acceder a unha axuda da Xunta na Coruña, o prezo do alugueiro da vivenda non pode superar os 500 euros… Estás condicionada por todas partes. A Risga son 404 euros ao mes, e tes que ter un alugueiro, e para ter un alugueiro os propietarios esixen avais, fianzas, seguros de impago… mesmo hai inmobiliarias que piden seguros sobre os móbeis. Se non che toca preto ou vívelo persoalmente, non te decatas do que está pasando.

No ámbito da Administración local, que cambio percibe entre o goberno da Marea Atlántica e o actual do PSOE?

Creo que no goberno da Marea Atlántica había unha preocupación sincera polo tema da vivenda, pero non lle saíron ben as cousas. Agora, en Stop Desahucios xa tivemos unha primeira reunión coa alcaldesa e as responsábeis de Servizos Sociais e de Urbanismo. Son conscientes de que hai ese sub-mercado do alugueiro, pero din que deles non depende a inspección. Din que van sacar unha ordenanza con axudas para rehabilitar infra-vivendas, que queren que a empresa municipal de vivenda empece a funcionar… Tiveron boas palabras.

STOP DESAHUCIOS CORUÑA

"O feminismo ten que pór énfase na denuncia da exclusión residencial"