Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

Augas de Galicia oculta os impactos da minaría nos ríos galegos no proxecto de Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027

Ecoloxistas en Acción formulou alegacións ao Plan Hidrolóxico evidenciando erros e falsedades asociados á contaminación mineira.

Augas de Galicia oculta os impactos da minaría nos ríos galegos no proxecto de Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027
Algo se esconde
Algo se esconde

Entre as principais eivas do plan atópanse omisións nas substancias contaminantes na mina de Touro, Varilongo e San Finx e tamén deficiencias na valoración do estado dos ríos e regatos contaminados pola minaría.

Ecoloxistas en Acción ven de presentar alegacións á proposta de Plan Hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027 (PHGC), que se atopaba en consulta pública desde o pasado 15 de abril. As alegacións sinalan erros graves e omisións no Plan Hidrolóxico presentada por Augas de Galicia, que ocultan a gravedade dos impactos que a minaría ten sobre os ríos e regatos de Galicia.

Entre as principais eivas do plan, as alegacións evidencian a existencia de valoracións erróneas ou incompletas no relativo ao estado ecolóxico, o nivel de deterioro, a evolución e o cumprimento de obxectivos ambientais para determinadas masas de auga afectadas por explotacións mineiras (Rego do Lourido, o Río Seixo de Landoi, o Rego da Braña Ancha, o Río Brandelos e o Río Pesqueira), incluindo a mina de Landoi, no Vicedo, a mina de Varilongo, en Santa Comba, a mina de Touro ou a mina de San Finx.

En varios casos Ecoloxistas en Acción deixou en evidencia o xeito en que a localización das Estacións do Programa de Control Operativo non permiten realizar un control axeitado da contaminación procedente de explotacións mineiras, como acontece nos ámbitos de afectación da Mina de Touro, a de Varilongo ou a de San Finx. A isto súmanse as inconsistencias graves tanto na normativa aplicada como no programa de medidas para mellorar as condicións de explotación e mantemento dos aproveitamentos mineiros.

En opinión de Ecoloxistas en Acción, na súa actual redacción, “o proxecto de Plan Hidrolóxico Galicia-Costa contén erros, omisións e inconsistencias graves, así como obstáculos para a participación e esquecemento de medidas de protección que poderían contribuír á conservación das masas de auga presentes no noso país, o cal supón unha enorme ameaza para ríos, regatos e mesmo a costa que se ve hoxe afectada pola minaría en Galicia”.

A organización ecoloxista tamén bota en falta a inclusión de medidas para democratizar a participación nos órganos de goberno e xestión que deben velar pola adecuada aplicación das medidas do PHGC, moi en particular do seu Consello Reitor, no que se ten pechada a porta a unha participación efectiva das organizacións ecoloxistas dun xeito inclusivo.

Algo se esconde

Co obxectivo de denunciar a falta de transparencia da Xunta de Galicia na autorización de proxectos mineiros altamente contaminantes por todo o país, Ecoloxistas en Acción comezou a campaña “Algo se Esconde”. Só nos últimos anos, a Xunta aprobou proxectos para minas que non foron sometidas a avaliación ambiental, negou a personación no proceso de autorización tanto a organizacións ecoloxistas como a veciños e agochou información fundamental sobre os expedientes, que debería ser pública.

Augas de Galicia oculta os impactos da minaría nos ríos galegos no proxecto de Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027