Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

Presentan alternativas aos emisarios submariños

Ecoloxistas en Acción Rías Baixas presenta o documento «Emisarios submariños: breve guía». Nel faise un percorrido xeral polos emisarios submariños, desde que son ata as alternativas propostas ao seu uso por parte da organización ecoloxista.

Presentan alternativas aos emisarios submariños
Emisarios submariños
Emisarios submariños

A capacidade de depuración do mar para algúns tipos de contaminantes levou durante anos a usar este medio como último receptor para dispersar os contaminantes producidos polo ser humano, terra dentro, e que son vertidos polos emisarios submariños. Un emisario submariño é unha tubaxe que conduce a auga das Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR), situadas na costa, ata o mar, a suficiente distancia e profundidade, tras recibir tratamento primario nas EDAR. Son, por tanto, o punto final no sistema de saneamento ou evacuación. Segundo a información do GeoPortal, no ano 2019 rexistráronse 394 EDAR litorais de máis de 2000 habitantes equivalentes, 69 deles en Galicia.

O obxetivo destes é a dispersión dos contaminantes emitidos a través a fin de evitar un risco para a saúde humana e dos ecosistemas, xa que o osíxeno disolto, a súa alta salinidade e a exposición á radiación solar, confiren á auga do mar o poder  bactericida capaz de eliminar as bacterias e substancias contaminantes expulsadas polo efluente. Pero, denuncia ecoloxistas en Acción o efluente ao medio mariño das EDAR realízase en moitos casos mediante emisarios submariños con graves deficiencias debidas tanto ao mal estado dos emisarios como a insuficiente calidade da auga que sae das EDAR.

A organización ecoloxista sinala que son frecuentes as alertas pola aparición de “manchas marróns” nas costas, xa sexa pola ausencia dos emisarios submarinos ou pola súa rotura. Isto, ademais, xera críticas por parte da cidadanía, que está a pagar unha taxa de depuración a través dos seus impostos, mentres pode apreciar con absoluta claridade a contaminación xerada polo efluente.

Recalcan que os emisarios submariños non son elementos  inocuos capaces de facer milagres sen ningún tipo de afección ao medio. Non só afectan á fauna e a flora, afectan tamén as correntes, a temperatura, a salinidade e os usos costeiros, entre outros, sen esquecer tamén as consecuencias do seu mantemento ou os danos producidos por episodios de fortes choivas.

A grandes liñas, algúns dos seus efectos máis destacables son os seguintes:

  • Humanos, como danos á saúde pública por bacterias fecais e outros contaminantes, ou afeccións a diversas actividades recreativas e deportivas.
  • Socioeconómicos, debidos ao seu cheiro, a coloración das augas, ou a exposición continuada dunha determinada zona a episodios de contaminación.
  • Alteración dos fondos mariños e contaminación mariña, debido á expulsión de nutrientes que xeran eutrofización, á emisión doutros contaminantes, etc., que terminan prexudicando á cadea  trófica e que xeran unha deterioración dos bens e servizos do ecosistema.

En Ecoloxistas en Acción Rías Baixas están convencidas de que para manter a biodiversidade das nosas rías os emisarios submariños non poden ser a única solución para as verteduras. Sinalan que hai alternativas para a reutilización das augas residuais que permiten garantir á cidadanía un control da calidade do efluente que se verte ao medio.

Por iso, a organización ecoloxista demanda que se aumente substancialmente a reutilización das augas residuais depuradas que se verten directamente ao mar, para os diferentes usos, sempre que substitúan recursos procedentes de fontes convencionais. Así poderían servir para aliviar a sobreexplotación que actualmente sofren os ríos e acuíferos costeiros, que ademais  cada vez están máis prexudicados pola  intrusión mariña.

DESCARGAR GUÍA EMISARIOS SUBMARIÑOS

Comentarios
Presentan alternativas aos emisarios submariños