Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

Sociedades científicas aconsellan minimizar a contaminación electromagnética do uso do móbil

A Federación Galega de Ecoloxistas en Acción faise eco dos novos consellos proteccionistas de uso da telefonía móbil da Sociedad Española de Protección Radiológica (SEPR), para minimizar a exposición a emisións electromagnéticas.

Sociedades científicas aconsellan minimizar a contaminación electromagnética do uso do móbil
móbiles
móbiles
  • Segundo a SEPR, a maioría de voces expertas recomendan manter unha actitude prudente no uso dos teléfonos móbiles, principalmente, pero non só, por parte dos menores e de persoas potencialmente vulnerábeis.
  • A  organización ecoloxista solicita ás  administracións sanitarias e educativas  difundir estes consellos  que coinciden e compleméntanse cos dados por outras sociedades científicas de radioprotección, axencias sanitarias gobernamentais de diferentes países e colexios médicos europeos. 

A SEPR, sección española da IRPA (Asociación Internacional de Protección Radiolóxica), sinala nos seus consellos que os móbiles “poderían ter efectos non desexados nalgunhas persoas debido á exposición á radiación electromagnética”. Recoñece que os límites normativos de exposición actuais non atenden aos indicios de efectos nocivos potenciais en persoas sensibles ou vulnerables, en “exposición prolongada ou repetida a intensidades subtérmicas”.

Para chegar a esas conclusións, a SERP alude á recente revisión ampliada e actualizada da evidencia científica, dos riscos canceríxenos, reprodutivos e do desenvolvemento, do Servizo de Investigación do Parlamento Europeo (EPRS). Esta revisión conclúe que esas radiacións “son probablemente canceríxenas para humanos […] afectan claramente á fertilidade masculina e posiblemente afectan á fertilidade feminina”, así como “poden ter posibles efectos adversos no desenvolvemento de embrións, fetos e recentemente nados”.

Como minimizar a contaminación electromagnética do móbil

A SEPR aconsella á poboación xeral unha serie de medidas, entre outras: non aproximar o teléfono á cabeza (usar altofalante ou mans libres, primar mensaxes de texto e voz); aproximalo só coa conexión establecida e cambialo de oído; limitar o número e duración de chamadas; evitar o contacto directo do móbil co corpo (non levalo no cinto ou petos do pantalón ou camisa); evitar as chamadas telefónicas ao viaxar (tren, automóbil); evitar chamadas con mala cobertura (ascensores); poñelo en modo avión cando non se vaia a chamar (isto evita o envío permanente de sinais intensos e un consumo enerxético innecesario); non usar accesorios e fundas que bloqueen a emisiónafastar o teléfono durante o soño  ou desconectalo (en modo avión e sen wifi); evitar a exposición á luz azul (especialmente durante a noite suspender o uso de pantallas polo menos unha hora antes de deitarse); derivar as chamadas de móbiles e teléfonos sen fíos ao teléfono fixo; chamar a través do enrutador -dispositivo con cable ethernet-; limitar o envío e reprodución de arquivos grandes (se vai ver unha película no seu dispositivo, mellor descargala previamente e vela en modo avión).

No caso de nenas e nenos, a SEPR lembra a súa maior vulnerabilidade potencial e solicita supervisarlles e limitarlles o uso de teléfonos móbiles. En caso de necesidade, aconsella facilitarlles un dispositivo deshabilitado (modo avión, sen wifi, nin Bluetooth) cos contidos previamente cargados.

Así mesmo, remite ás recomendacións de diversas axencias gobernamentais responsables da protección da saúde infantil, e organismos como a Academia Estadounidense de Pediatría (AAP): «evitar a exposición dos nenos a teléfonos celulares e outros dispositivos que emiten radiación electromagnética” e “atrasar o uso de teléfonos móbiles para nenos, se é posible ata a idade de 14 anos”.

Como minimizar a contaminación electromagnética do wifi

A SEPR desaconsella permanecer tempo na proximidade do enrutador e recomenda apagalo cando non se usa. Outras entidades da IRPA, como as 17 sociedades científicas de protección radiolóxica iberoamericanas incluídas na CIPRACEM, ou axencias estatais como o Comité Nacional Ruso de Protección Contra as Radiacións Non Ionizantes, aconsellan primar a conexión por cable (evitando o wifi, especialmente no ámbito educativo) e incluso, no caso da CIPRACEM, apostan por un acceso á conexión por cable en lugares públicos, prazas e avenidas (conectores RJ-45). 

Os consellos da SEPR, presentados no Congreso Iberoamericano de Magnetobioloxía en Madrid (novembro de 2022), coinciden e compleméntanse cos das sociedades científicas de radioprotección mencionadas, colexios médicos europeos (como na Declaración de Nikosia) e numerosas axencias sanitarias de diferentes países, na líña solicitada pola Resolución 1815 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa.

A SEPR indica que “os efectos das ondas milimétricas utilizadas en telefonía 5G aínda están pouco estudados”. Ecoloxistas en Acción expón que, por este motivo, o Servizo de Investigación do Parlamento Europeo (EPRS) xa solicitou en 2021 unha moratoria das Ondas Milimétricas do 5G no seu estudo sobre 5G e saúde. Así mesmo, Xulio Carmona,  voceiro da federación ecoloxista, lembra que dita proposta de moratoria está recollida na Iniciativa Cidadá Europea STOP 5G, desenvolvéndose actualmente, e en mocións municipais como a aprobada recentemente en Valdemorillo.

Ecoloxistas en Acción presentou no 2022, xunto coa Federación de ANPAS de Redondela, a súa campaña de escola saudábel. Dende dita campaña solicita ás Consellarías implicadas e ás administracións locais e provinciais  que atendan a estas alertas científicas e difundan estes consellos proteccionistas da SEPR (e aqueles que os complementan) no ámbito dos dispositivos sen fíos e electrónicos en xeral. “Necesitamos camiñar cara un uso autorregulado da tecnoloxía dixital que sexa sobrio, biocompatíbel, decrecentista, anticonsumista, crítico e ético”, conclúe Carmona.

Sociedades científicas aconsellan minimizar a contaminación electromagnética do uso do móbil