Medio ambiente

Victoria climática: a central de carbón das Pontes pecha!

  • Endesa pechará en 2021 a central de carbón das Pontes, unha das maiores fábricas de cambio climático de Europa.
  • O espellismo da co-combustión de mesturas de carbón e residuos (“biocombustíbeis”) atrasa as medidas para unha transición xusta.
  • O carbón debe substituírse polo decrecemento do consumo e as renovábeis, non polo gas natural.

 

Victoria climática: a central de carbón das Pontes pecha!
photo_2021-01-24_21-09-19
Central térmica de As Pontes

Endesa anunciou o 19 de xaneiro a súa decisión definitiva de pechar a central de carbón das Pontes, após constatar a inviabilidade da combustión de mesturas de carbón e residuos orgánicos (lodos de depuradoras e xurros). Desbotado o derradeiro intento de alongar a vida da maior central térmica española (1.400 MW), a eléctrica, outrora pública estatal e hoxe en mans da italiana Enel, confirma a solicitude formal de peche que presentou en decembro de 2019 perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica. A central desconectarase da rede eléctrica antes de 2022.

Ecoloxistas en Acción Galiza, que fai parte da plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”, celebra o peche da térmica de carbón das Pontes como un  grande éxito na loita contra a emerxencia climática. Ademais, supón o fin do carbón en Galicia e no Estado español. Coa central de Meirama pechada desde xullo de 2020, o cesamento da actividade da das Pontes en 2021 suporá o fin do carbón na nosa terra. No conxunto do Estado español haberá que agardar uns anos máis, pero a das Pontes era a derradeira central de carbón cuxo anuncio de peche aínda non era firme. 

Unha das maiores fábricas europeas de crise climática

Os catro grupos que constitúen a central das Pontes entraron en funcionamento entre 1976 e 1979. Desde entón ten sido un enorme foco emisor de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro (GEI), sobre todo até mediados da primeira década deste século. Nesa altura a enerxía eólica pasou a ser unha das principais fontes de electricidade, o que limitou o papel do carbón, atinxíndose en Galicia o pico das emisións de GEI (2004). Mesmo así, a central das Pontes non deixou de ser unha das industrias europeas con maiores emisións de CO2 até a queda brusca da súa actividade a partir de abril de 2019. Esta foi motivada pola suba  do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións e polo descenso do prezo do gas.

As emisións da central das Pontes foron tan desmesuradas que resultan difíceis de crer. Nos últimos anos foron similares ás emisións totais asociadas á queima de combustíbeis fósiles de países como Uruguai ou Letonia. En 2018 emitiu 7,9 millóns de toneladas de CO2, situándose como a industria con maiores emisións territoriais no Estado español e a nº 17 de toda a UE. Nese ano representou o  26,5% das emisións totais de GEI de Galicia e o 2,4% das do Estado.

Non se dispón aínda de datos oficiais sobre as emisións totais de GEI en Galicia en 2019, mais a diminución da actividade das centrais de carbón seguramente terá provocado que se sitúen un 20-25% por debaixo das de 1990, o ano de referencia. En 2020 terán baixado  algúns puntos máis, pero neste caso debido sobre todo aos efectos da Covid-19.  Antes de  2030 deberían ser, polo menos, un 65% inferiores.

Contaminación tóxica sen fronteiras

Mais a central das Pontes non só é unha fábrica de quecemento global. As súas emisións  tóxicas (SO2, NOX, mercurio…), especialmente elevadas até mediados da década de 1990, en que comezaron a reducirse por causa da aplicación da lexislación europea de contaminación atmosférica, foron responsábeis de cuantiosos danos á saúde humana e á vexetación.

Segundo o informe Last gap: The coal companies making Europe sick, a contaminación tóxica da central das Pontes provocou 88 mortes prematuras e custos sanitarios estimados en 264 millóns de euros só durante 2016. Estes prexuízos non se circunscriben á contorna da central, pois os contaminantes expulsados pola súa cheminea de 356 m de altura (disque a máis alta de Europa) poden viaxar a decenas, centos e mesmo miles de km (caso do mercurio). 

Megaminaría intra e extraterritorial

A central de carbón tamén foi causa de destrución do territorio, en Galicia e noutros países, debido á minaría a ceo aberto para a extracción do carbón. Na mina situada ao pé da central, que foi a máis extensa de España, extraéronse 260 millóns de toneladas de carbón até o seu esgotamento en 2007. Pero xa desde mediados da década 1990 importou enormes cantidades de carbón de países como Indonesia, que achegaron máis enerxía que o carbón galego co que se mesturaba.

A “restauración ambiental” da mina das Pontes, consistente na revexetación da entulleira e no enchido do oco da mina con auga da chuvia e do río Eume para formar un lago artificial, foi moi cuestionada. Aínda  que peor será a “restauración” dos danos inducidos fóra das nosas fronteiras.

A través da megaminaría externalizada e da xeración de quecemento global, a central das Pontes contribuíu, de forma destacada e ao longo de 40 anos, a aumentar a nosa débeda ecolóxica co Sur global.

Un peche serodio e non planificado

A central de carbón das Pontes xa se podía ter apagado en 2007. O crecemento previo da potencia eólica e as novas centrais de ciclo combinado (gas natural), unha delas construída pola propia Endesa nas Pontes (850 MW), fixérona innecesaria. Sen embargo, nin Endesa, nin os gobernos galego e español, quixeron porlle data de peche, nin naquel momento nin en anos posteriores.

O negacionismo empresarial e institucional da necesidade urxente de deixar de queimar carbón, o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de CO2, chegou practicamente até os nosos días. Despois de pretender alongar a vida da central até a década de 2040, e coas obras necesarias para iso xa en marcha, o cambio nas condicións de mercado en 2019 levaron a Endesa a solicitar o peche xusto antes do remate dese mesmo ano.

A falsa solución dos “biocombustíbeis”

As institucións galegas, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e os sindicatos maioritarios non se conformaron cun peche tan indesexado e “inesperado” e presionaron a Endesa para que explorase unha opción que xulgaban podía mellorar a competitividade da central e alongar a súa vida: a coincineración de residuos, vendidos á opinión pública como “biocombustíbeis”. Fixéronse dúas quendas de probas de queima de mesturas de carbón e residuos orgánicos, a segunda delas con lodos de depuradoras e xurros. Estas probas non fixeron máis que confirmar, segundo a propia Endesa, a “inviabilidade ambiental, técnica e económica” desta falsa solución.

A ilusión na “alternativa dos biocombustíbeis”, concebida como “a única transición xusta” polos seus defensores, non serviu máis que para atrasar, aínda máis, a inevitábel adaptación socioeconómica a un futuro sen carbón. Un peche planificado e negociado moito tempo atrás  entre os poderes públicos, unha Endesa que nunca se debería ter privatizado e os sindicatos, tería ofrecido, sen dúbida, mellores perspectivas para as traballadoras e traballadores e para a área de influencia da central que as existentes na actualidade.

A incerta transición xusta

No día en que Endesa confirmou o peche da central das Pontes, o Ministerio para a Transición Ecolóxica nin sequera lanzara o proceso de participación pública para a elaboración do respectivo Convenio de Transición Xusta. A central xera nestes momentos 81 empregos directos, despois dalgunhas prexubilacións e recolocacións, e Endesa manifesta que ningúen será despedido. Máis incerto semella o futuro dunhas 200 persoas empregadas nas empresas auxiliares, parte das cais poderían ser contratadas no desmantelamento da central, que durará uns 4 anos. Os peor parados poden ser os 150 camioneiros que traballaron, como falsos autónomos, no transporte por estrada do carbón descargado  no porto exterior de Ferrol, a uns 40 km da central.

O fin da queima de carbón en centrais como a das Pontes, alén de xusto, debe ser directo, isto é, o carbón debe ser substituído non por outros combustíbeis fósiles, senón polo decrecemento do consumo enerxético e as renovábeis, no marco dunha rápida descarbonización e desnuclearización da produción eléctrica. Esta tenderá a aumentar nos próximos anos por unha maior electrificación do consumo de enerxía final, necesaria para a rápida transición a un sistema 100% renovábel que tanto necesitamos.

Comentarios
Victoria climática: a central de carbón das Pontes pecha!