As exposicións de fotografía, pintura e debuxo continúan ata o 25 de xullo

Acampa levantou o simbólico campamento de refuxiados co convencemento de que outras cidades reproducirán a iniciativa

 A ampla participación e implicación da cidadanía confirma a sensibilización da sociedade civil ante a realidade das persoas que viven nos campos de refuxiados e todos aqueles que foxen das guerras, o fame, a escravitude, a violencia ou a exclusión.

As máis de corenta organizacións que participaron no desenvolvemento da iniciativa -que levou a pé de rúa o drama humanitario dos refuxiados- consideran que foi “unha experiencia positiva e integradora” e recalcan “a perentoria necesidade de continuidade”

Acampa levantou o simbólico campamento de refuxiados co convencemento de que outras cidades reproducirán a iniciativa
Tienda de campaña
Tienda de campaña de la reproducción del campo de refugiados

Acampa pola paz e o dereito a refuxio” levantou onte o simbólico campamento de persoas refuxiadas despregado durante os últimos catro días nos Xardíns de Méndez Núñez, no centro da Coruña. As máis de corenta organizacións, e todas as persoas particulares fixeron posible esta acción, expresan a súa satisfacción pola participación, interese e implicación da cidadanía en todos os actos e accións de visualización do drama humanitario das persoas refuxiadas. Confirman tamén que asociacións doutras cidades están barallando a idea de reproducir a iniciativa. “Unha experiencia positiva e integradora que de xeito perentorio debe ter continuidade”, sinala Xosé Abad, portavoz da organización. 

Os promotores valoran moi positivamente que Acampa teña implicado e interesado a persoas moi diversas. “Os que participaron foron cidadáns de todo tipo, tanto moi concienciados, activistas, como menos concienciados”, di Abad. “Esta acción permitiu mostrar sen intermediarios unha realidade que os medios e os gobernos intentan ocultar; a que sofren os milleiros e milleiros de persoas que viven en campos de refuxiados e todos aqueles que foxen das guerras, o fame, a escravitude, a violencia ou a exclusión”. Si algo puxo de manifesto Acampa é o retroceso no respecto aos Dereitos Humanos, “unha acción perfectamente consciente por parte dos gobernos que só a sociedade civil, ca súa exixencia, pode tirar abaixo”, remacha o portavoz.

A partir de hoxe, as organizacións promotoras consideran que “Acampa pola paz e o dereito a refuxio” debe medrar “como un movemento que se estenda e reproduza por todas partes”. “Agora trátase de seguir e ampliar esa rede tanto de organizacións como de persoas, ata o nivel internacional”, sinala Xosé Abad, “e que sirva para intercambiar información e estratexias que dean resposta a este drama humanitario; aspiramos a que sexa un instrumento no que se poidan sentir cómodas e reflectidas organizacións de calquera índole para aproveitar todo o que nos une”. 

A experiencia da Coruña servirá como manual de instrucións para todas aquelas cidades que queiran reproducir Acampa e sumarse á rede. “Agora xa temos unhas bases, unhas regras de xogo para que ninguén en particular poida aproveitarse da iniciativa”. Entre as normas que quedaron asentadas nesta primeira experiencia está a necesidade de que en calquera outro lugar que se desenvolva Acampa “deberá facerse a través de organizacións colectivas, para que ninguén poida capitalizalo”.

Os promotores de Acampa expresan o seu agradecemento tanto os cidadáns que asistiron ás actividades e accións como ás administracións, organizacións, particulares e voluntarios que o fixeron posible. Recordan tamén que as exposicións fotográficas e artísticas seguen abertas. As sedes e horarios poden consultarse na páxina web www.acampa.eu

Comentarios
Acampa levantou o simbólico campamento de refuxiados co convencemento de que outras cidades reproducirán a iniciativa