Asociación Veciñal Agra | nota de prensa

Concentración veciñal diante do concello en defensa do Parque da Agra

A Asociación Veciñal Agra denuncia un trato discriminatorio contra a veciñanza,  antes, durante e despois do estado de alarma da COVID
Concentración veciñal diante do concello en defensa do Parque da Agra
Parque da Agra
Parque da Agra

“Se Concello da Coruña non avanza nas negociacións co MITECO a prol do acceso  ao parque, pode ser porque concordan no contrario: invisibilizar ese espazo público  para allealo da vida da veciñanza” 

A Coruña, 12 de outubro de 2022.- A asemblea da Asociación veciñal Agra acordou convocar concentracións todos os xoves  diante da casa do Concello da Coruña para reivindicar a execución do Parque da Agra

A presidenta da Asociación veciñal Agra, María Gutiérrez, comenta: “O espazo do polígono  M22 que aínda fica libre de construcións é parte dun barrio saturado de cemento; inda que non edificasen vivenda ningunha nese espazo para preservalo como zona verde, esta sería  moi cativa para o barrio da Agra, mais sería a única, pois non hai máis espazo dispoñíbel.” 

O barrio da Agra foi feito sen poñer couto á avaricia, en tempos de enorme afluencia de xentes que viñan á Coruña para os recén creados polígonos industriais. A realidade actual é diferente: hoxe non urxe acoller unha gran masa de poboación operaria; na cidade hai unha  bolsa enorme de vivendas baleiras. Inda así, a última proposta de modificación puntual do  PXOM promovía a construción de máis vivendas e asfaltar novas rúas para darlles acceso. “A pequena alegría que levamos co rexeitamento desa proposta durounos ben pouco”,  lembra María Gutiérrez: “O trato discriminatorio contra a nosa veciñanza vén de toda a parte, de Madrid e de María Pita: coa escusa do estado de alarma da COVID pecharon o acceso  ao xardín do Observatorio, precisamente cando noutros barrios o Concello habilitou espazos de paseo ao aire libre.”

Rematado ese estado de alarma e logo da automatización dalgúns labores do Observatorio  que liberaron do seu uso unha parte importante dos terreos, as portas seguen pechadas. “Nestes dous anos non se avanzou nas negociacións a prol do parque e a dispoñibilidade  deses terreos para uso da veciñanza, mais está claro que si hai entendemento entre MITECO  e María Pita: lonxe de procuraren o acceso da veciñanza ao espazo público, concordan en  invisibilizar ese espazo público, allealo da vida do barrio, talvez preventivamente, para  amorteceren a reacción popular fronte a calquera operación especulativa; en calquera caso,  é un comportamento que contradí a imaxe e a letra das tan anunciadas Axenda Urbana 2030  e a transición ecolóxica”. 

Calquera dos gobernos que pousaron en María Pita atrévense a declarar que non poden  desbaldir cartos para salvagardar este recuncho na Agra, mais seguen dispoñendo das arcas  públicas para obrar na zona “nobre” da cidade ou para pagar indemnizacións millonarias sen  esixir responsabilidades... 

O parque é unha vella e moi necesaria demanda veciñal e, coincidindo co pleno deste mes,  convocamos unha concentración veciñal este xoves, 13 de outubro, ás 10:30 h. nos soportais  do pazo municipal.

Concentración veciñal diante do concello en defensa do Parque da Agra