Para facilitar o acceso ao aluguer a colectivos con dificultade

O Concello destinará unha parcela da rúa Pontejos a vivenda pública

A Concellería de Rexeneración Urbana ultima a adquisición dunha finca adxacente a outro soar de titularidade municipal, co proxecto de construír un edificio de vivendas e xerar un pequeno espazo de estancia para o barrio

O Concello destinará unha parcela da rúa Pontejos a vivenda pública
Xiao Vareal
O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela

Concello da Coruña | 25/09/2017

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda vén de acordar a adquisición dunha finca sita na rúa Marqués de Pontejos, 17, anexa a outro soar de titularidade municipal, co obxectivo de realizar o seu desenvolvemento conxunto, tal e como se prevé no Pepri -o Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e Pescaría-, e dar utilidade a toda a parcela. A finalidade, segundo avanza o responsable municipal desta área, Xiao Varela, é dobre, dado que a actuación permitirá ampliar o parque de vivenda municipal, cun edificio dedicado a aluguer que dea a posibilidade de acceso a vivenda a colectivos con maior dificultade, caso da mocidade ou de persoas maiores, entre outros, e contribuirá, por outra banda, á rexeneración deste enclave, mediante o acondicionamento dos baixos e a creación nesa esquina dun pequeno espazo de estancia para a veciñanza. "Trátase dunha actuación que servirá para contribuír a mellorar un entorno cunha densidade de edificación alta, a través da creación dun pequeno espazo que dea amplitude á rúa e serva como lugar de encontro, resolvendo ademais a situación de ruína na que se atopa o inmoble desde hai moitos anos", indica o concelleiro, que engade que a promoción que proxecta o Concello "pode axudar tamén a regular o mercado do aluguer".

Como fai notar o responsable municipal, os trámites para a adquisición están xa moi avanzados e se realizan en paralelo aos estudos previos á redacción do proxecto para a vivenda municipal, nos que están traballando os servizos do Concello. As previsións pasan por que o proxecto estea en redacción na primeira metade do ano que vén, para que a licitación poida comezar no segundo semestre. O prezo de adquisición da parcela, que se realizará como compra directa por 240.991 euros é, segundo salienta Varela, "moi axustado ao prezo de mercado".

O Concello destinará unha parcela da rúa Pontejos a vivenda pública