Defende Meirás | nota de prensa

A Iniciativa Defende Meirás lanza unha campaña para esixir á Xunta que protexa os bens móbeis do Pazo de Meirás baixo o paraugas do BIC

Pon ao dispor do movemento memorialístico do país e de toda a cidadanía un modelo de instancia dirixida ao Conselleiro de Cultura para que actúe de maneira urxente diante do risco, que segue vivo, de que os Franco empecen a retirar bens de Meirás.
A Iniciativa Defende Meirás lanza unha campaña para esixir á Xunta que protexa os bens móbeis do Pazo de Meirás baixo o paraugas do BIC
Rolda de Prensa 14.05 SADA (Carmen Armada, CRMH A Coruña)
Intervención de Carmen Armada, da CRMH A Coruña

Anuncia unha mobilización cívica no Pazo para o 19 de xuño para reclamar a titularidade e o uso público do espazo, como espazo de memoria.

Ver Declaración de Meirás

Sada, 14 de maio de 2021.- Asociacións de memoria histórica e investigadores de toda Galiza e colectivos veciñais da Coruña pedirán nun escrito á Consellería de Cultura que inicie de maneira urxente o trámite para incorporar á declaración BIC do Pazo de Meirás, de 2008, “bens móbeis tanto do interior das edificacións como os exteriores”.

As entidades pretenden que coa publicación do catálogo de bens no Diario Oficial de Galiza, estes queden asociados o BIC e protexidos “de acordo co dispostos no art. 16 da lei de patrimonio cultural de Galiza” e evitar así a retirada dos mesmos por parte dos Franco.

“Se de verdade hai vontade, como di o conselleiro (en referencia a Román Rodríguez, responsábel de Cultura), de evitar esa foto dos Franco sacando os bens de Meirás, unha foto indigna para calquera democracia e evidencia da impunidade da que gozan aínda hoxe, a Xunta ten na súa man actuar”, explicou Carlos Babío, un dos portavoces da Iniciativa Defende Meirás, esta mañá durante unha rolda de prensa en Sada na que, xunto a representantes de entidades de memoria tamén participou o alcalde de Sada, Benito Portela.

“Do que se trata é de que a Xunta incoe a ampliación da declaración BIC do Pazo incorporando os bens móbeis que xa ten catalogados. A Xunta ten todos os elementos para facelo. E a incoación, enviada ao DOG para publicar xa o martes, suporía que todos eses móbeis catalogados gocen de protección BIC”, insistiu Babío.

Antes de Babío, tomou a palabra outro dos portavoces da Iniciativa Defende Meirás, o historiador Manuel Pérez, quen lembrou o papel decisivo da sociedade civil galega na recuperación do Pazo. “Foi o pobo galego que devolveu Meirás o Estado”, dixo tamén Abel López Soto, ex alcalde sadense que falou en nome da asociación Irmáns Suárez Picallo, e mostrouse moi crítico co papel do Goberno central nestes últimos meses na batalla por Meirás: “É un insulto que o Estado non recoñeza bens que o propio Estado catalogou como de Patrimonio Nacional”.

Entre os colectivos de memoria e outras entidades que asinan a declaración que pon en marcha esta iniciativa [documento no anexo] e que estiveron presentes no acto desta mañá, como a Fundación Luis Tilve e a Fundación Galiza Sempre, entre outras, tamén tomou a palabra Carmen Armada, en representación da CRMH da Coruña. “Meirás representa moito máis que ese espazo construído. É todo o que pode acontecer aí en chave de futuro, e é tamén a representación da loita dun pobo pola liberdade e pola xustiza”. Armada animou a continuar co que definiu como “método de traballo Meirás”, “horizontal, de consenso e respectando a pluralidade” para gañar esta última batalla contra os herdeiros do ditador.

Pola súa parte, Benito Portela, alcalde de Sada, lembrou que o Concello de Sada presentou dous recursos para frear a retirada de bens por parte dos Franco e, advertiu, “de momento logramos unha suspensión, mais non podemos perder o tempo. Ten que servir para que se tomen as medidas necesarias e se evite o espolio”. Portela agradeceu o traballo das entidades de memoria e pediu que “as Administración volvamos ir todas da man, como se fixo antes, para garantir a titularidade pública do Pazo e dos bens que contén”.

Campaña e mobilización

Carlos Babío alertou ademais de que, malia a última intervención do Estado nos trámites xudiciais que deixa en suspenso a decisión dun xuíz de permitir que os Franco poidan retirar bens do Pazo, os herdeiros do ditador mesmo poderían recorrer esta paralización e reclamar a retirada de certos bens. Por iso, avanzou que a Iniciativa Defende Meirás levará a cabo nas próximas semanas unha campaña de información e divulgación dos bens móbeis sobre os que os Franco pretenden aplicar outra rapina. Uns bens que están catalogados e suman máis de oitocentas pezas. E chamou a unha nova mobilización social para rematar “coa impunidade” da que o franquismo segue a gozar no Estado español.  

Por outra banda, e como parte desa campaña pola defensa da integridade dos bens do Pazo de Meirás e a súa titularidade pública, a Iniciativa Defende Meirás avanzou que o próximo 19 de xuño convocará unha mobilización cívica en Meirás, e seguirá insistindo na inmediata apertura do Pazo ao público tal e como se comprometeu o Goberno do Estado.

Comentarios
A Iniciativa Defende Meirás lanza unha campaña para esixir á Xunta que protexa os bens móbeis do Pazo de Meirás baixo o paraugas do BIC