BNG | nota de prensa

Pontón propón a intervención pública de Alu Ibérica e pide a Xunta e Estado que colaboren e poñan en marcha a solución

“Que se deixen de pasividade e de mentiras porque A Coruña non pode perder máis industria e hai que garantir a produción e o emprego da factoría”, alega

Pontón propón a intervención pública de Alu Ibérica e pide a Xunta e Estado que colaboren e poñan en marcha a solución
Reunión BNG con AluIbérica
Reunión BNG con AluIbérica

Valoración orzamentos 2022: “en materia fiscal Feixóo é o ultimo mohicano do neoliberalismo, un kamikaze que circula en dirección contraria”

De que lle vale ós galegos e ás galegas 4€/mes na rebaixa do IRPF se despois se recorta nos servizos público e teñen listas de espera en sanidade, interpela

Santiago de Compostela, 19 de outubro 2021.- A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro co comité de empresa de Alu Ibérica, xunto co  portavoz municipal, Francisco Jorquera, e o portavoz parlamentario de industria, Ramón Fernández, no que  demandou a Goberno central e Goberno da Xunta que deixen a súa pasividade e adopten a única solución para garantir a produción e o emprego: intervención pública.

“A situación é crítica, estamos no tempo de desconto e deben traballar man a man para impedir a perda de 300 empregos directos, para garantir a produción de aluminio e, en definitiva, para evitar que esta factoría engrose a longa lista de empresas que botan o peche nunha Coruña e comarca xa moi impactadas pola crise industrial”, explicou.

A intervención é viable e xa se ten feito noutros casos, indicou, subliñando que este é “un tema central de país”, que implica a Aluibérica pero tamén a todas as empresas da contorna que precisan aluminio nos seus procesos e que, se pecha a factoría coruñesa, terían que traer esa materia prima desde fora, o que sería absurdo.

Neste contexto, o Goberno de Feixóo non pode seguir coa súa pasividade senón que “debe poñerse a traballar” recalcou, tras avanzar que o Bloque volve levar este asunto ao Parlamento no próximo Pleno.  “Non vale nin a pasividade nin as mentiras, o persoal está neste punto tras unha venta calamitosa que avalaron tanto o Goberno do Estado como o Goberno galego e por iso basta de escusas, o que se precisan son solucións, que existen se hai vontade política de salvar o emprego e a industria”, argumentou.

“Hai fábrica, hai traballadores e traballadoras cualificadas e o aluminio é un sector en auxe, por iso non se entende porqué ambos executivos se pregan á multinacional en vez de defender un sector estratéxico e con futuro como é a produción de aluminio”, concluíu.

Á espera de que o proxecto de orzamentos chegue ao Parlamento, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha primeira valoración sobre o avance difundido polo Goberno, que lle leva á líder do BNG á conclusión de que o presidente da Xunta é “o último mohicano do neoliberalismo de Trump”, empeñando en baixar impostos beneficiando ás rendas altas mentres que, por contra, as arcas públicas perden ingresos que necesita para manter os servizos públicos ou para a recuperación.

“Cando todo mundo, mesmo o presidente Biden ou entidades como a OCDE, di que os que máis teñen son os que máis deben pagar, o señor Feixóo é como unha especie de kamikaze que conduce en dirección contraria e o que aporta nestes orzamentos son agasallos fiscais para os que máis teñen”, indicou Pontón, “porque se calculamos a repercusión que a baixada do IRPF terá na maioría dos galegos e das galegas resulta que é menos de 4€/mes, esa é a gran rebaixa fiscal anunciada por Feixóo”.

Con este dato, a líder do Bloque pregúntase “de que valen eses catro euros máis se despois se recorta en sanidade, en educación, na atención aos nosos maiores ou no mantemento dos servizos públicos?”, concluíndo que a maioría da cidadanía “prefire ter catro euros menos no peto e que a cambio non haxa listas de espera en atención primaria, que teñan servizos públicos fortes, mellores infraestruturas ou un modelo de residencias público”.

Pontón salientou que Galiza non precisa “unha política fiscal regresiva” senón “redistributiva” da riqueza, que permita facer fronte ao reto da recuperación tras a pandemia. A portavoz nacionalista fixo referencia ás declaracións do xefe do Executivo, indicando que pretende facilitar o pago de facturas como a luz. “Se realmente quere abaratar a factura ás familias, o primeiro é deixar de abrazarse ás eléctricas e apoiar medidas xustas como a tarifa eléctrica galega ou que esas empresas paguen os impostos en Galiza posto que usan os recurso do País”, alegou.

Pontón propón a intervención pública de Alu Ibérica e pide a Xunta e Estado que colaboren e poñan en marcha a solución