Punto e Volta, proxecto audiovisual

A tradición que se transmite

Catro novos xornalistas ultiman Punto e Volta, un proxecto audiovisual sobre a música e o baile tradicionais, amparado pola bolsa que homenaxea a Nacho Mirás

A tradición que se transmite
Gravación en Cerceda con Richi
Gravación en Cerceda con Richi

Non cabe imaxinar mellor destino para a bolsa que concede o Colexio de Xornalistas e que leva o nome de Nacho Mirás, tamén gaiteiro e afortunado cronista do país, que este proxecto Punto e Volta. Está pensado e realizado, niso andan, por tres novos xornalistas amantes da música e da festa, tamén da expresión en vídeo, coma xa deixaron constancia nunha estrea moi atinada con carácter etnográfico (Feísmos?). Son Raquel Pérez, Olaia Tubío, David Fontán e Alejandro Gándara. E din que andan explorando “as mudanzas que experimentou a transmisión interxeracional da cultura popular galega a través de dúas das súas principais expresións: a música e o baile tradicionais”. Un rescate do moito que se foi perdendo polo camiño deses elementos, a música e o baile, antonte “presentes no traballo e no lecer” mais hoxe confinados a asociacións ou escolas. Sempre na procura dos efectos culturais agochados detrás do relato convencional, como xa fixeran Fontán e Gándara en Feísmos? As formas de transmitir as cousas importan e de aí que a tradición se constrúa tamén mesmo cando se transmite. Punto e Volta é unha primeira investigación. Está case lista. O día 20 deste mes presentarán a web. Xa se poden ir vendo algúns anacos no Facebook e na canle de Youtube do proxecto.

Comentarios
A tradición que se transmite