Política e feminismo

"A cidadanía é a que ten ferramentas de presión sobre as administracións e na creación de conciencia social"

ENTREVISTA | Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade.

"A cidadanía é a que ten ferramentas de presión sobre as administracións e na creación de conciencia social"
Rocío Fraga e Xulio Ferreiro nun acto o 8 de marzo
Rocío Fraga e Xulio Ferreiro nun acto o 8 de marzo

Concelleira de Igualdade e Diversidade, militante da Marea Atlántica, socióloga, feminista, a Rocío Fraga queda pequeno o traxe de concelleira, desborda enerxía e rebeldía: é unha activista de paso polo Concello. Acolledora e próxima.

 

-Todo o mundo está en contra da violencia de xénero, pero non diminúe que está a pasar?

 

-Se ben é certo que a nivel discursivo, existe un posicionamento unánime contra a Violencia de Xénero, a realidade é que existe un gran descoñecemento sobre as causas que levan a que o sistema patriarcal se reforce. Creo que o sistema patriarcal está tan instalado na sociedade que resulta moi complicado mudar as mentalidades. Precísase unha coincidencia radical, que vaia á raíz do asunto, por iso a importancia de traballar no sistema educativo.

 

-Por que seguen os asasinatos?

 

-Aínda que cando se producen asasinatos a xente reacciona, teño as miñas dúbidas de que a xente sexa consciente de que nos asasinan por ser mulleres, non por ningunha outra cousa. Estamos permanentemente recibindo mensaxes de como hai que ser para e por ser mulleres, desde antes de nacer se determina a nosa conduta e así continúan os estímulos durante o resto da vida.

 Seguimos asistindo ao mantemento dun sistema sexo/xénero que nos sitúa na sociedade en función do xénero que nos é asignado, tanto se somos mulleres como se somos homes, determinadas por cuestión biolóxicas e de xenitalidade. Como exemplo de ate onde chega este encallamento dicotómico temos a campaña do autobús de HazteOir.org, é un caso extremo de transfobia, pero temos no día a día moitas mais mostras aparentemente mais sutiles, pero que manteñen ese determinismo.

 

-Quen son os responsables desta violencia?

 

-Desde a familia ate o resto de axentes socializadores sosteñen o sistema, escola, medios de comunicación, grupo de iguais… todos exercen sobre as persoas unha incidencia que mantén a desigualdade que, ao final é a causa das violencias machistas. As violencias machistas van mais alá do concepto de violencia de xénero. Violencias machistas se exercen entre persoas, da igual o seu xénero, reproducindo condutas baseadas na desigualdade, simplemente por non responder ao que nos impoñen desde o sistema. O machismo mata, pero esa é a máxima expresión, temos na cotidianeidade mostras permanentes de agresións machistas, desde distintos ámbitos, desde o institucional, que permite que as mulleres sigamos tendo soldos inferiores e menos posibilidades de desenvolvemento profesional, ate mecanismos de control entre parellas, tamén as mais mozas, baseadas no modelo de amor romántico que vemos permanentemente como o hexemónico.

 

-Que habería que facer desde a Administración para eliminar a violencia de xénero?

 

-Se tivera a a variña máxica… desde logo temos claro que as administracións teñen gran parte da responsabilidade do sostemento do sistema, desde incidir na educación, introducindo no currículo obrigatorio materias relacionadas coa xeración de desigualdades, o incremento de orzamentos de xeito transversal para loitar contra o machismo, a atención real a mulleres e menores que viven situación de violencia…

 

-Que se pode facer desde os concellos?

 

-Desde os concellos temos a capacidade de atender en primeira instancia á cidadanía, por ser a administración mais próxima, pero as competencias nesta materia non están na nosa man. Queremos que se dote ás administración locais de mais ferramentas de incidencia, que podamos xestionar recursos suficientes para atender ás persoas e tamén que as administracións competentes en materia de sanidade, educación, emprego… teñan no centro das súas políticas implementar medidas que rachen coa desigualdade.

 

-E que poden facer os movementos sociais?

 

-Tendo en conta que as administración somos un dos axentes prioritarios para poñer medidas sobre a mesa que reduzan a desigualdade, é a sociedade quen tamén ten que corresponsabilizarse nesta materia e é a cidadanía activa a que ten ferramentas de presión, non só sobre as administracións, senón na creación de conciencia social ao respecto. Nesta liña lanzamos desde a concellaría de Igualdade e Diversidade o pacto social contra as violencias machistas, que vai nesa liña. En primeiro lugar construíndo xuntas unha definición do que son as violencias machistas, para saber detectalas, paso imprescindible para poder atacalas. Unha vez acordado isto, coñecer as ferramentas que temos a disposición para reaccionar ante calquera agresión de índole machista e visibilizalo. Ademais a cidadanía debe esixir que, cando se están producindo asasinatos (que son a punta do iceberg) ao nivel que se están producindo, que se considere unha cuestión de Estado, isto é verdadeiramente Terrorismo Machista, e non so iso, é Feminicidio, que conleva unha certa complicidade das administracións que, tendo as ferramentas están permitindo que se reproduza un sistema que nos mata e nos agrede permanentemente a quen non somos suxeitos hexemónicos nesta sociedade.


 

Comentarios
"A cidadanía é a que ten ferramentas de presión sobre as administracións e na creación de conciencia social"