OFICIOS

“Houbo que mover a imaxinación”

Manuel Grandal leva 40 anos tallando todo tipo de pezas de cristal na Agra.

“Houbo que mover a imaxinación”
Coas tres torres talladas en botellas de tamaños diferentes.
Coas tres torres talladas en botellas de tamaños diferentes.

Manuel Grandal levaba tres anos como aprendiz cando en 1976 o taller do señor Anacleto Garnelo se mudou á Agra do Orzán. Entrara con quince anos e dous días, o 26 de xaneiro de 1973. Era un rapaz aleuto. Empezou como empaquetador, logo facendo marcas nos vasos, miraba, aprendía e, cando os outros marchaban –eran cinco no taller– quedaba el aprendendo so, probándose. Pasaron outros tres anos e con 21 xa dirixía o taller. Repartía o traballo, preparaba as pedras, o corindón para pulir, ordenaba o material. “Fun un autodidacta”.

En 1998 tomou o relevo do señor Garnelo, “unha belísima persoa”, que fundara o taller no ano 52. Hoxe é o xefe do seu propio negocio, a Tallería Cristal, na rúa Minguillón esquina Páramo, nun recanto da Agra. Labra e grava cristal: vasos, copas, botellas, de viño, de licor, cinceiros, cuncas, floreiros, cofres.

“No taller de Garnelo gañaba unhas 2.000 pesetas á semana. Botabamos alí doce ou trece horas cada día. Parabamos para comer. Vendíase todo a bazares. Algo para tendas pequenas. Tallabamos de todo, moitas cristalerías competas para regalo. Recibíamos o material de almacenistas da Coruña e de Ferrol. Os almacenistas e os bazares foron desaparecendo.”

“Hoxe seguimos collendo o produto liso. E personalizámolo. Unhas veces son nomes, outras logotipos... Antes saían máis pezas para empresas ou institucións. Hoxe é noventa por cento venda a particulares. Traballos específicos, non tanto en serie. Menos pezas, pedidos máis pequenos. Se hai pouco volume de traballo tes que ser máis creativo. Actualizámonos.”

7-min

A tenda

Manuel fala na tenda, entre expositores e cristaleiras, 45 metros cadrados cheos de pezas listas para empaquetar. Prende as luces. Acaricia a perilla co índice e o polgar. Saca unhas caixas. Mostra unhas pequenas xoias das que se sente orgulloso. A proba de que foi quen de actualizarse.

No taller andan a muller e unha irmá que non queren saír nas fotos. “As veces, cando hai que dar saída a un pedido ou vou estar moi ocupado no taller bótanme unha man”. O taller parece pequeno polas luces baixas, pero é máis grande ca tenda. Hai auga, un especie de lama que son restos da pedra e do cristal, tornos de oleiro. Alí dento o importante son as mans, conta Manuel.

Fóra, na tenda, todo entra polos ollos. Manuel saca das caixas tres xogos de botellas e vasiños de licor. Hai tres modelos. Son tallas da Torre de Hércules, da Giralda e da Torre de Londres. En diferentes tamaños.    

8-min

A Torre de Hércules en botellas e chupitos de licor

“A Torre levou un tempo o deseño. Foi coma un reto persoal, para ver como quedaban en botella. E véndense ben. Penseino hai uns anos, cando fora aquilo da declaración de Patrimonio da Humanidade. Inda hoxe sei onde está a primeira que fixen: levouna unha clienta para París, e foi sen rematar de todo porque tiña présa. Hainas por medio mundo.”

As torres son un exemplo da evolución do negocio. Primeiro foron a invasión dos centros comerciais e os chinos, despois veu a crise. “Houbo que mover a imaxinación, deseños novos, gravar a man. Aquí 85% do traballo faise a man, pouco con plantillas. Son un especialista, a miña tenda é a única especializada en cristal na Coruña, e diría case que en Galiza. Hai pouco xubilouse o dun taller en Santiago e penso que pecharon”.

“Parte do traballo é ir visitando feiras, de todo. A Ifema ía todos os anos, alí dinme conta de que coa aparición dos chinos no mercado, a xente andaba a especializarse. Tamén vou Camariñas, ás feiras ecolóxicas, a ver como se moven as bolsas, ver o que se compra. Nos Cantóns estou en agosto. Igual non vendes moito, pero doume a coñecer. E tamén teño unha web.”

9-min

25.000 copas en menos de un mes

Manuel calcula que terá en stock unhas 25.000 pezas “e ao mellor estoume quedando corto”. Importa cristal de Bohemia e doutros tipos desde Alemaña, Austria, Polonia, Francia e Italia. En España so traballa cunha fábrica. “Compro alta calidade”.

“Non hai moito vin unha copa que tallara hai 23 anos. Veu unha señora para repoñer unha cristalería e alí estaba. Inda temos ese tipo de copa. Fixen o mesmo debuxo. O máis difícil foi aprender a primeira vez.”

Manuel recorda como unha vez lle metera présa un almacén. Era o ano 1986. Pasou un mes pechado no taller. Máis de 14 horas por xornada. “Case un mes, porque completei o pedido en menos días: 25.000 copas. Si, 25.000. Calculei que tallara 1.250 copas por día. sempre o mesmo debuxo, cada copa en menos dun minuto. Que si recordo a talla? Claro! Era a talla número 2, tres ramas. Non, non odio esa talla. Podería reproducila agora mesmo.

3-min

No taller

“Teño dez patentes a meu nome, unha delas estes debuxos da Torre en diferentes tamaños. Non é difícil traballar o cristal. Haino máis duro ou máis brando, máis brillante ou menos segundo o chumbo da mestura. O máis fino é o de Bohemia, é delicado tallar unha copa, e cun cristal de moi alta calidade pode saír a 9 ou 10 euros a unidade a prezo de venda. A min gústame traballar o brando, por máis manexable, e tamén o austríaco.”

A primeira fase é o marcado. Repártese a masilla pola peza. É coma unha pasta, chámase branco España, é que se usa para limpar azulexos.

A segunda fase é o tallado na pedra corindón. Ou o gravado, tamén a man.

A terceira fase é o pulido. Da fase anterior sae un ton mate, e coa pedra pómez vai collendo brillo, quedan restos que son coma barro.  Cada pedras dura un ano, máis ou menos. A cuarta fase é o lavado, con auga normal.

“Si que tiven clientes famosos, con pedidos particulares, para regalos a maioría. Paco Vázquez, García Sabell, xogadores do Dépor, mesmo do Liceo, lembras a Martinazo? Algún concelleiro, tamén. Pero o meu é un cliente normal.”


 

“Houbo que mover a imaxinación”