Monte Alto

Avia Veira levará ao Pleno a "desatención" de Monte Alto ante un Goberno local que "non mira polos barrios"

A candidata do BNG á Alcaldía denuncia o deterioro do espazo público, os fallos sistemáticos na accesibilidade e o atraso de seis anos no proxecto do Parque de Vixía.
Avia Veira levará ao Pleno a "desatención" de Monte Alto ante un Goberno local que "non mira polos barrios"
Avia Veira en Monte Alto
Avia Veira en Monte Alto

A Coruña, 5 de maio de 2026 – A candidata do BNG á Alcaldía da Coruña, Avia Veira, anunciou hoxe que defenderá no vindeiro Pleno do 14 de maio unha moción centrada na recuperación e mellora de Monte Alto. Nun encontro cos medios celebrado ao pé da Torre de Vixía, Veira —veciña do propio barrio— criticou con dureza a xestión de Inés Rey, asegurando que a zona padece unha "desatención" crónica que se estende ao resto dos distritos da cidade.

Mobilidade e accesibilidade en entredito

A iniciativa nacionalista pon o foco en problemas que dificultan a vida diaria, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Veira sinalou o estado crítico do pavimento das beirarrúas e a falta de mantemento nos pasos de peóns, moitos deles xa despintados.

"O Goberno de Inés Rey non está a coidar o espazo público. As políticas de accesibilidade non poden quedar en anuncios mentres as escaleiras mecánicas de Adelaida Muro seguen a estragarse continuamente", denunciou a candidata.

Así mesmo, a moción subliña as carencias no transporte público, cualificado de "deficiente" pola falta de conexións directas e eficaces cos hospitais e os polígonos industriais da cidade.

O abandono do patrimonio e o Parque de Vixía

Outro dos eixes da proposta é a degradación de edificios emblemáticos. O BNG sinala o estado ruinoso do antigo cárcere e o deterioro da fachada da Domus, que segue sen ser reparada malia o paso do tempo.

Respecto ao emprazamento da rolda de prensa, Veira lembrou que o Goberno local anunciou en 2020 o "Parque dos Nenos" no depósito de Vixía, unha obra que tardou seis anos en ser adxudicada. "Se hoxe ese proxecto camiña é grazas á presión política do BNG, que levou o asunto ao Pleno en 2024 e 2025, e que o incluíu como condición no acordo orzamentario", remarcou.

Limpeza e servizos sociais

Para rematar, a candidata nacionalista trasladou o malestar veciñal pola falta de hixiene urbana, solicitando un plan de limpeza intensiva para o barrio. Entre as demandas recollidas na moción tamén se inclúen:

  • O incremento de recursos e actividades para o Centro Cívico.

  • A creación dunha área canina para dar servizo aos propietarios de mascotas da zona.

Avia Veira levará ao Pleno a "desatención" de Monte Alto ante un Goberno local que "non mira polos barrios"