Eleccións municipais
Avia Veira González: “A Coruña necesita volver a pensar nos barrios e na xente”
Falamos con Avia Veira González, candidata do BNG á alcaldía da Coruña, sobre vivenda, mobilidade, barrios e pequeno comercio. Unha conversa directa, moi pegada ao día a día da cidade e ao modelo de Coruña que defende para os próximos anos.
Para quen aínda non te coñeza, quen é Avia?
Son unha coruñesa de 39 anos, nai de tres fillos, deportivista e unha persoa de barrio. Actualmente son concelleira e levo anos implicada na vida política e social da cidade. Son licenciada en Filoloxía Galega e durante anos estiven vinculada a traballos relacionados coa lingua, a corrección lingüística e a normalización do galego.
Pero máis alá do profesional, son alguén que leva moitos anos implicada na cidade e que decidiu dar o paso de presentarse á alcaldía porque creo sinceramente que A Coruña pode estar moito mellor.
O meu compromiso político comezou moi nova. Na miña casa falábase de política e o momento do Prestige marcou moito á miña xeración. Foi aí cando entendín que Galicia tiña que decidir máis sobre si mesma e decidín implicarme.
Levo no Concello desde decembro de 2012, aprendendo como funciona unha cidade e tamén vendo de preto os problemas reais da xente: o transporte, a vivenda, os barrios ou os servizos públicos.
O BNG apoiou a investidura de Inés Rey. Como valoras esa decisión e a relación co goberno municipal?
Nós damos apoio á investidura e a determinadas medidas para evitar un goberno do Partido Popular e porque as nosas votantes nunca entenderían facilitar iso.
Pero tamén creo que é importante aclarar algo que ás veces a xente non ten claro: o BNG non forma parte do goberno municipal. Non temos áreas de goberno nin carteiras. O noso papel é negociar, fiscalizar e apoiar aquelas medidas que consideramos positivas para a cidade.
É unha relación de diálogo constante. Nós intentamos usar a nosa posición para mellorar propostas, condicionar decisións e facer que as políticas municipais respondan máis ás necesidades da veciñanza.
Se chegas á alcaldía e tes tempo para desenvolver un proxecto de cidade, que cambiaría na Coruña?
O gran cambio sería a mobilidade.
Creo sinceramente que a Coruña necesita unha transformación profunda do transporte urbano. Hai liñas saturadas, barrios mal conectados, horarios que non responden á realidade laboral da xente e demasiada dependencia do coche.
Queremos reorganizar as liñas de bus, mellorar as frecuencias, conectar mellor os barrios cos hospitais e cos polígonos industriais e reforzar tamén servizos como o taxi.
Pero hai algo máis importante aínda: facer unha cidade máis amable.
Iso implica pensar na accesibilidade, nas persoas maiores, nas persoas con diversidade funcional, en quen usa cadeira de rodas ou en quen simplemente ten dificultades para moverse pola cidade.
Tamén significaría poñer os barrios no centro das políticas municipais.
A Coruña é unha cidade de barrios e os barrios teñen que sentirse coidados: limpeza, instalacións deportivas dignas, mercados municipais vivos, centros cívicos ben mantidos, máis zonas verdes e espazos públicos pensados para vivir e non só para pasar.
A vivenda é un dos grandes problemas da cidade. Que medidas propoñedes?
Estamos nun momento no que hai xente que xa non pode vivir na Coruña porque os prezos do alugueiro son completamente imposibles.
Nós defendemos aumentar o parque municipal de vivenda, impulsar alugueiros accesibles e reforzar as políticas públicas neste ámbito.
Tamén cremos que hai que controlar realmente os pisos turísticos. O BNG impulsou unha ordenanza, pero fai falta vontade política para aplicala.
Cada piso turístico que substitúe unha vivenda residencial é un piso menos para a xente da cidade.
Outra cuestión importante é a vivenda baleira. Fálase de arredor de 20.000 vivendas baleiras na Coruña. O que propoñemos é estudar en profundidade o parque inmobiliario da cidade para entender por que esas vivendas non están no mercado e que políticas municipais poden axudar a mobilizalas.
E tamén apostamos pola rehabilitación e pola difusión de servizos municipais de asesoramento en materia de vivenda, para que a xente coñeza mellor os seus dereitos.
O Agra do Orzán leva anos reclamando máis zonas verdes. Como se pode resolver?
O Agra ten unha carencia histórica de zonas verdes e eu entendo perfectamente esa reclamación da veciñanza.
Nós defendemos abrir o máximo espazo verde posible no ámbito do parque do Agra, pero tamén sendo realistas coa situación urbanística e coa lexislación actual.
Hai dereitos urbanísticos adquiridos e iso significa que eliminar toda edificabilidade implicaría compensacións millonarias ou trasladar construción a outros barrios.
O que defendemos é un equilibrio: conseguir o máximo parque posible, garantir vivenda protexida e facer que ese espazo sexa accesible e útil para toda a veciñanza.
Pero ademais do parque, o Agra necesita moitas máis políticas públicas: limpeza intensiva, rehabilitación de vivendas, accesibilidade, dinamización do mercado e mellora do espazo público.
O pequeno comercio leva anos sufrindo. Que pode facer o Concello?
O primeiro é entender que o comercio local non é só economía. É vida de barrio.
O pequeno comercio crea relacións humanas, xera movemento nas rúas e dálle identidade á cidade.
Nós cremos que o Concello ten que apoiar moito máis ao comercio local, tanto con asesoramento técnico como con campañas de sensibilización para que a xente valore o que ten preto.
Tamén defendemos crear un banco de baixos comerciais para conectar propietarios con persoas que necesiten locais e facilitar novos proxectos.
E propuxemos algo bastante sinxelo pero útil: unha ferramenta dixital para que a xente poida buscar produtos e saber en que comercio local os pode atopar.
Porque moitas veces buscamos en internet algo que probablemente temos a dúas rúas da casa.
“Queremos traer esperanza á cidade”
Para rematar, que lle dirías á xente da Coruña?
Que nós afrontamos este reto con moita ilusión.
Queremos unha Coruña máis verde, máis accesible, máis coidada e pensada para a xente que vive nela.
E tamén queremos dicirlle á xente que non importa a quen votase antes. O importante é se quere unha cidade mellor.
O BNG xa demostrou en moitos lugares de Galicia que cando goberna, a calidade de vida mellora. Nós queremos traer tamén esa esperanza á Coruña.