Parque da Agra
O PP de A Coruña propón o traslado da edificabilidade do Agra para garantir o 100% de parque sen custe municipal
A Coruña, 12 de maio de 2026
O voceiro do Grupo Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, lanzou hoxe unha proposta clara para desbloquear o conflito urbanístico no Parque do Agra: negociar cos propietarios o traslado da edificabilidade a outras zonas da cidade. O obxectivo é dobre: que os veciños poidan gozar do cen por cen de espazo verde e que a operación non supoña un desembolso económico para as arcas municipais, ou que este sexa mínimo.
Desde o PP pídenlle ao BNG que "recapacite" e non vote a favor da actual proposta do Goberno socialista no vindeiro Pleno. Lorenzo sinala que a negociación é "fácil", dado que o 60% da edificabilidade pertence ao Estado e ao propio Concello. "A alcaldesa tería que negociar co seu goberno amigo en Madrid para priorizar o benestar do barrio", apuntou o voceiro.
Un "maquillaxe" que non convence aos veciños
O Grupo Popular rexeita frontalmente a modificación que o PSOE e o BNG pretenden aprobar, cualificándoa de "engano e traizón". Segundo os populares, tras a retirada do asunto no Pleno de marzo, o proxecto volve con cambios que son puro "maquillaxe":
-
Mantéñense edificios que ocupan 4.000 m² de solo.
-
O parque resultante ten case 5.000 m² menos do proxectado no Plan Xeral.
-
As prazas de aparcamento gratuítas redúcense de 197 a tan só 63, apostando por un parking de pago.
"Os veciños reiteráronnos na nosa carpa informativa que queren parque e non ladrillo", afirmou Lorenzo, lembrando que o Agra é o barrio coa maior densidade de poboación de todo o país e necesita pulmóns verdes, non máis cemento.
Críticas ao "papelón" do BNG
Miguel Lorenzo foi especialmente duro coa postura do BNG, cualificándoa de "papelón que non entenden nin veciños nin militantes". Lembrou que a nacionalista Avia Veira defendeu en 2020 o voto en contra porque quería "todo parque sen vivenda".
"¿Que interese teñen PSOE e BNG para aprobar isto en contra de todos? Parques si, pero non así; vivendas si, pero non así; Agra si, pero non así", sentenciou o voceiro popular.
A proposta do PP pasa por unha permuta de edificabilidade, unha ferramenta urbanística que permitiría trasladar os volumes de construción a outras áreas en desenvolvemento da cidade, salvagardando así o dereito á vivenda sen sacrificar o escaso solo libre que queda no corazón do Agra.