escolas deportivas municipais
O persoal das Escolas Deportivas Municipais da Coruña convoca un paro e manifestación para esixir melloras laborais e salariais
A Coruña, a 252 de novembro de 2025.- O persoal das Escolas Deportivas Municipais do Concello da Coruña acordou en asemblea convocar unha xornada de paro de tres horas para o próximo xoves, 27 de novembro, co obxectivo de reclamar a dignificación das súas condicións de traballo, o recoñecemento do labor que realizan e melloras salariais. Esta protesta busca darlle visibilidade ás súas demandas ante o que consideran unha falta de compromiso por parte do Goberno local.
Detalles da mobilización
O paro desenvolverase entre as 10:00h e as 13:00h. Para facer patentes as súas reivindicacións, as traballadoras e os traballadores sairán en manifestación ás 10:30h dende as instalacións deportivas de Riazor con destino á Praza de María Pita, fronte ao Concello.
Estímase a chegada á Praza de María Pita arredor das 11:30h. Unha vez alí, o persoal realizará unha simulación das distintas clases e actividades que se imparten nas escolas, convidando á cidadanía a participar. Estas actividades lúdicas e reivindicativas prolongaranse ata as 12:30 horas.
O acto central rematará coa lectura dun manifesto e coa reiteración da pregunta que xa se lle formulou ao Goberno local no pleno do pasado 6 de novembro, a través do escano cidadá: "Está disposto o Concello a asumir a táboa reivindicativa das traballadoras e os traballadoras das escolas deportivas?".
Decepción ante a resposta do goberno Local
A representación do persoal cualifica de "decepcionante" a resposta emitida polo Goberno durante o pleno. Consideran que a contestación foi ambigua e sen asumir compromiso ningún, limitándose unicamente a asegurar que os vindeiros pregos do servizo respectarán as condicións do convenio (o que é obrigatorio por lei) e as condicións particulares recoñecidas a parte do persoal.
As demandas laborais e económicas levan catro anos sobre a mesa. Cómpre lembrar que o Goberno municipal anterior —da mesma cor política que o actual— adquirira o compromiso de avanzar nos seguintes pregos na dignificación laboral e económica, na redución da parcialidade, e na equiparación de condicións para eliminar as discriminacións entre o persoal que realiza o mesmo traballo.
Actualmente, coa caducidade dos pregos do servizo inminente, o Concello "desenténdese" dos compromisos adquiridos, alegando falta de fondos. A única disposición manifestada refírese a atender algúns puntos da táboa reivindicativa que atinxen ao servizo e non ás condicións laborais.
As reivindicacións non só se centran en melloras salariais e laborais, senón tamén no estado das instalacións deportivas e dos medios, así como na mellora do servizo prestado ás persoas usuarias.
A asemblea, que conta co respaldo das máis de 2.000 sinaturas recollidas e entregadas ao Concello (entre persoal traballador e usuarios), acordou dar este paso adiante na mobilización coa convocatoria deste primeiro paro, buscando a dignificación que reclaman.