vivenda

Vivir sen especular: a aposta da cooperativa Outra Forma de Vivenda

Cada día, un dereito tan básico como a vivenda dilúese entre cifras, hipotecas imposibles e alugueres que suben sen tregua. Ter un teito onde descansar, sentirse seguro ou simplemente gozar de intimidade convértese, para moitas persoas, nun privilexio que se tambalea.
Vivir sen especular: a aposta da cooperativa Outra Forma de Vivenda
Outra forma de vivenda
Outra Forma de Vivenda

Esta degradación da calidade de vida, na que os dereitos parecen mercadoría e non garantía, converteuse case nunha forma de crueldade cotiá. Pero no medio deste panorama, hai quen decide non resignarse. Xorden iniciativas cidadás que buscan outras maneiras de habitar, proxectos que merecen ser contados e postos en valor.

Unha destas iniciativas é Outra Forma de Vivenda, unha cooperativa coruñesa que aposta por un modelo de vivenda en dereito de uso. Para coñecer como funciona e que significa implicarse nun proxecto así, conversamos con Roi, veciño da Coruña e integrante da cooperativa desde hai aproximadamente un ano.

—Sí, formo parte de Outra Forma de Vivenda—responde Roi cando lle preguntamos pola súa participación actual.

Uniuse xunto coa súa parella, formando unha unidade de convivencia, pouco antes de que se abrira a licitación para optar ao dereito de superficie dunha das parcelas municipais de Xuxán. «Metémonos nisto por dous motivos: a convocatoria pública e a situación do aluguer, que está totalmente disparada. Vimos que era o momento de dar un paso».

Como xurdiu este proxecto e que camiño había percorrido antes?

Roi lembra que a cooperativa xa existía como asociación desde hai anos. «Coñezo Outra Forma de Vivenda desde 2017, cando se organizaron unhas xornadas no Ágora. Naquel momento non podía implicarme economicamente, pero a idea quedoume gravada. Máis tarde, cando a miña situación cambiou e xurdiu a licitación municipal, víxeno claro».

Hoxe participa no grupo de comunicación —xestionando redes, entrevistas e difusión— e tamén no grupo de coordinación. «Temos un calendario cheo para novembro: charlas e reunións con persoas interesadas. Nos últimos meses recibimos unhas 400 solicitudes de información. Somos poucas, pero intentamos atender a todo o mundo, porque este modelo non é o habitual e necesita explicarse ben».

En que consiste este modelo de vivenda?

«É algo intermedio entre comprar e alugar», explica Roi. As persoas socias fan unha achega inicial —moi inferior á entrada dunha hipoteca— e obteñen estabilidade a longo prazo pagando cuotas mensuais máis baixas que un aluguer no mercado actual.

A cooperativa xestiona o dereito de superficie e o edificio completo. Ninguén é propietario dunha vivenda como tal: cada persoa obtén un dereito de uso sobre unha unidade de convivencia. «En Xuxán teremos 50 anos de concesión. Noutros lugares, como Cataluña, hai proxectos de 75 ou mesmo 90 anos. É dicir: estabilidade real».

Cantas vivendas se construírán?

O proxecto contempla entre 30 e 32 vivendas de dous e tres dormitorios, coa posibilidade de estudar unidades algo máis grandes segundo se adapte o anteproxecto.

Que hai que facer para formar parte do proxecto?

«Primeiro facerse socio ou socia», explica Roi. O contacto comeza pola web ou por correo electrónico. Logo realízase unha entrevista persoal para aclarar conceptos clave: que non se trata de comprar, senón de ter dereito de uso; que a persoa debe participar activamente; e que o edificio deseñase de forma colectiva.

Sobre os custos, Roi detalla:

  • 500 € de capital social
  • 120 € de achega anual
  • 250 € de inscrición

Aproximadamente 3.000 € en gastos técnicos previos

Máis adiante, unha vez completado o deseño e obtida a financiación, a achega inicial rondará os 20.000€, aproximadamente entre o 15% e o 20% do custo total. O resto financiarase cun crédito a 30 anos, que dará lugar a cuotas mensuais entre 500 e 750€. Unha vez amortizado, a cooperativa decidirá se reduce cuotas ou destina parte a novos proxectos. «A idea é crear un fondo que permita replicar o modelo».

Como obtivedes a parcela?

Grazas a unha licitación pública do Concello da Coruña, que ofertou tres parcelas baixo dereito de superficie a 50 anos. Outra Forma de Vivenda obtivo unha delas. As condicións esixían estar empadroado na cidade, non posuír outra vivenda no municipio e non superar certo límite de ingresos (uns 60.000€ por unidade de convivencia).

Como imaxinades a convivencia?

Aínda que cada familia terá a súa vivenda privada, haberá espazos comunitarios deseñados para fomentar a vida compartida: unha cociña común para eventos, lavandería colectiva, zona de horto, terraza e un espazo para barbacoas. «Todo se baseará no consenso e, se fai falta, en votación. A vida comunitaria é parte esencial do modelo».

Por que cres que este modelo é mellor que o tradicional?

«Porque a vivenda debe ser un dereito, non un negocio», afirma Roi sen dubidar. «Aquí non hai ánimo de lucro. Non buscamos especular, senón vivir nas nosas casas». O modelo aposta polo valor de uso, a estabilidade, a comunidade e a sustentabilidade económica. «É unha forma de organización cidadá fronte á especulación».

Como imaxinades o futuro?

De momento están centrados no primeiro edificio, pero ven interese crecente. «Se todo sae ben, queremos replicalo. En Cataluña e Madrid hai moitas cooperativas deste tipo, e en países como Dinamarca ou Uruguay forman parte da tradición. Na Coruña podería pasar o mesmo se a administración segue ofrecendo solo en condicións adecuadas».

Antes de despedirse, Roi engade unha última reflexión:
«O fundamental é que somos as persoas quen decide como queremos vivir. Non para enriquecernos, senón para habitar e convivir de forma máis solidaria, democrática e sostible».

Podes ver mais información na web: https://lavandeiras.outraformadevivenda.org/

E contactar no enderezo: info@outraformadevivenda.org 

Vivir sen especular: a aposta da cooperativa Outra Forma de Vivenda