libros
Yolanda López: “A poesía non é un refuxio, é un combate interior”
Quen é Yolanda López?
Son xestora xudicial, pero a miña traxectoria vén da filoloxía e da investigación. Estudei Filoloxía Inglesa, fixen o Diploma de Estudos Avanzados e unha tesina sobre literatura norteamericana sureña, centrada en Eudora Welty. Durante esa etapa estiven en Estados Unidos, en universidades e arquivos, e tamén vivín experiencias como dar clases en Gales. Foron anos moi intensos e enriquecedores.
Como foi ese paso da investigación á creación literaria?
O meu primeiro contacto coa escritura foi a través do ensaio académico, en inglés. Pero máis adiante, ao entrar en contacto con escritores galegofalantes en Santiago, comecei a escribir poesía en galego. Foi unha etapa moi creativa, de experimentación coa lingua, na que tamén cheguei a gañar os primeiros premios literarios, arredor do ano 2004.
E despois chegou a estabilidade laboral…
Si. Tras anos de bolsas de investigación, que eran moi enriquecedoras pero pouco estables, decidín preparar oposicións. Aprobéi e fun ascendendo ata chegar a xestora xudicial. Iso deume estabilidade, pero nunca deixei de escribir.
Tamén pasaches unha etapa en Madrid. Como influíu iso na túa obra?
Moito. Vivín alí máis de cinco anos e entrei en contacto con tertulias literarias e grupos de poetas. Foi cando publiquei varios libros en castelán, como Grietas, Temblor Fiero ou Con El tambor del Viento. Incluso participei na Feira do Libro de Madrid, que foi unha experiencia moi especial.
Tes unha obra extensa. Cantos libros levas publicados?
Levo publicados 11 libros e 2 plaquettes, en total 13 obras. A maioría son de poesía, aínda que tamén escribín ensaio e artigos no pasado.
Falemos do teu último libro, O Ring. Que atopamos nel?
O Ring é un libro de poemas estruturado como un combate de boxeo. Cada texto funciona como un “asalto”, e emprega elementos propios deste deporte como metáfora da vida.
Non é un libro amable nin para relaxarse. É unha obra intensa, incluso violenta a nivel simbólico e emocional. Hai moita loita interior, moita confrontación co propio eu.
Por que o boxeo como eixo simbólico?
Porque o boxeo representa moi ben a vida: caer e levantarse continuamente. É resistencia, é dor, é superación. Pero no libro non falo do boxeo en si, senón que utilizo os seus elementos —o ring, o saco, o clinch, o sparring— como metáforas desa loita interna.
Que tipo de poesía é a que propós en O Ring?
É unha poesía moi performativa, case teatral. Os versos teñen forza, son viscerais, buscan impactar. Hai destrución, pero tamén reconstrución. Luz e sombra.
Non son poemas “balneario”. O que buscan é provocar unha transformación no lector, unha introspección profunda.
Hai tamén unha crítica social no libro?
Si, aínda que non é explícita en todos os textos. Está presente esa sensación de deshumanización da sociedade actual, das dificultades nas relacións humanas, da soidade. Todo iso forma parte do combate.
Onde se pode conseguir o libro?
Pode mercarse en liña, en plataformas como Amazon ou Fnac, e tamén a través da editorial Olé libros.
Como ves o momento actual da escrita? Cada vez máis xente escribe.
Creo que escribir é unha forma de liberación. Vivimos nunha sociedade moi acelerada e deshumanizada, e a escritura permite canalizar emocións, pechar feridas, facer compañía.
Que lle dirías á veciñanza sobre a importancia da cultura?
Que a cultura é esencial. Non é algo elitista. Ler, ver cine ou ir ao teatro amplía a túa visión do mundo, dálle máis liberdade ao pensamento e axuda a ser máis crítico. Iso, ao final, tamén é unha forma de felicidade.