Arte

Teatro, música e outras deformidades: nace Torta Torta, a nova compañía de Areta Bolado e Ailén Kendelman

As dúas recoñecidas creadoras, pezas clave da última década do teatro galego con A Panadaría, emprenden un proxecto artístico conxunto caracterizado polo humor acedo, a música e un firme compromiso coa xustiza social e os dereitos LGTBIQ+.
Teatro, música e outras deformidades: nace Torta Torta, a nova compañía de Areta Bolado e Ailén Kendelman
Torta-Torta-1
Torta-Torta-1

Galicia, 20 de maio de 2026.- "Teatro, música e outras deformidades". Baixo esta declaración de intencións nace Torta Torta, a nova compañía escénica impulsada por Areta Bolado e Ailén Kendelman. Despois de marcar o rumbo da última década do teatro galego como cofundadoras da exitosa formación A Panadaría, as dúas recoñecidas creadoras únense de novo nesta troupe para explorar un camiño artístico propio onde mesturan música, artes escénicas e un humor tan afiado como reivindicativo.

O proxecto nace avalado por unha sólida traxectoria en común e en solitario, que suma máis dunha vintena de premios. Estes galardóns distinguen non só o seu excelente labor teatral e musical, senón tamén o seu histórico compromiso coa igualdade e a visibilización dos dereitos LGTBIQ+.

Un espazo para contar o que doe e o que fai graza

Sobre a orixe e o xogo de palabras que dá nome á compañía, as artistas explican con ironía e retranca:

"En galego, ‘torta’ é non ir dereita, estar torcida; e tamén temos ‘retorta’, que é ser revirada. Se preguntas en castelán, vén sendo unha lapada. Se es latina, unha bollera. E xa se sabe que, en todos os lados, a falta de pan...".

Con este punto de partida, Torta Torta preséntase como un espazo de total liberdade creativa. "É un novo camiño que imos comezar a percorrer", sinalan. "Levamos moito tempo traballando xuntas e agora temos este reto de continuar e ver cara onde queremos ir, que nos apetece contar e, tamén, escoitarnos a cada unha no que queremos facer e como queremos facelo; sempre con compromiso e tendo en mente a xustiza social, poñendo o foco en temáticas silenciadas ou en colectivos dos que normalmente non se fala".

Para as creadoras, o escenario segue a ser unha ferramenta política indispensable. "Trataremos, como sempre tratamos, de asumir esta responsabilidade de ser creadoras e actrices, enriba dun escenario, que é un altofalante para chegar a moitas máis persoas. Toda esa conxunción de elementos será Torta Torta", conclúen.

Primeiras propostas: música festiva e memoria crítica

Aínda que a compañía bota a andar publicamente agora, a súa actividade xa recolle os primeiros froitos. O pasado mes de marzo estrearon Unha señora orquestra, un proxecto musical singular e festivo no que o público participa dun concerto onde os ritmos galegos, as músicas do leste e o folclore latinoamericano se entrelazan con letras de forte contido reivindicativo.

Paralelamente, a compañía traballa na que será a súa primeira produción teatral: Manchas de sangue. Trátase dunha viaxe temporal que propón un percorrido crítico desde os mitos e tabús arredor da menstruación ata os horrores da guerra, empregando como fío condutor a música irreverente e o humor acedo. Os detalles deste espectáculo coñeceranse deica pouco, mentres as actrices avanzan na súa axenda e participarán a vindeira semana na feira profesional Galicia Escena PRO.

Dúas traxectorias de referencia na escena galega

A solvencia de Torta Torta apóiase na calidade profesional das súas fundadoras. Areta Bolado (O Porriño, 1985) é actriz, dramaturga, directora, pedagoga e distribuidora. Foi peza fundamental en espectáculos multipremiados como Elisa e Marcela ou As que limpan (coproducida co Centro Dramático Nacional). Entre os seus recoñecementos destacan varios Premios María Casares, o Premio FETEGA e o prestixioso Premio Xograresa de Outono do FIOT de Carballo en 2025. Na nova compañía, asumirá tamén a distribución e a área pedagóxica.

Pola súa banda, Ailén Kendelman (Buenos Aires, 1989) é actriz, multiinstrumentista, compositora, dramaturga, directora e produtora. Como cocreadora e compositora musical de todos os éxitos de A Panadaría, a súa firma musical marcou a escena galega, recibindo galardóns como o Premio María Casares á mellor música orixinal en 2022 por A Cazola de Lola. En Torta Torta, ademais de creadora e compositora, encargarase de pilotar as áreas de produción e xestión.

Teatro, música e outras deformidades: nace Torta Torta, a nova compañía de Areta Bolado e Ailén Kendelman