Saúde

A UE, ante o reto global do tabaco: Casares preside a delegación do PE para frear o repunte da nicotina entre a mocidade

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares lidera a misión do Parlamento Europeo na 11ª Conferencia das Partes (COP11) do Convenio Marco para o Control do Tabaco (FCTC) da OMS, que se celebra en Xenebra. 
A UE, ante o reto global do tabaco: Casares preside a delegación do PE para frear o repunte da nicotina entre a mocidade
11ª Conferencia das Partes (COP11) do Convenio Marco para o Control do Tabaco (FCTC) da OMS
11ª Conferencia das Partes (COP11) do Convenio Marco para o Control do Tabaco (FCTC) da OMS

Bruxelas, 17 de novembro de 2025 – Nun momento crucial, coas cifras de consumo repuntando por primeira vez en vinte anos en Europa, o lexislador galego reclama máis ambición lexislativa e fiscal para protexer a saúde pública e combater a expansión de novos dispositivos adictivos.

O eurodeputado Nicolás González Casares preside hoxe e mañá a Delegación do Parlamento Europeo na COP11 do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco (FCTC). A cita en Xenebra reúne a máis de 180 partes co obxectivo de impulsar políticas globais contra o consumo de tabaco e a crecente ameaza dos novos produtos de nicotina.

Un contexto de alerta en Europa

A Conferencia celébrase nun momento de especial preocupación. Por primeira vez en dúas décadas, Europa rexistra un repunte no consumo de tabaco e nicotina entre a poboación moza. Este auxe está directamente ligado á rápida expansión dos cigarros electrónicos, os dispositivos desbotables e o tabaco quentado, produtos que a OMS identifica como unha "porta de entrada" á adicción.

Paralelamente, a Unión Europea atópase inmersa na revisión de normativa clave nesta área, como a Directiva de Produtos do Tabaco, a Directiva de Impostos Especiais e a regulación sobre novos dispositivos.

Reforzar o liderado europeo

González Casares subliñou a necesidade de que a UE manteña un papel protagonista nos foros da OMS, especialmente cando "os Estados Unidos continúan desvinculados do FCTC, o que aumenta a responsabilidade europea na defensa do sistema multilateral de saúde pública”.

A axenda da Delegación do Parlamento Europeo inclúe reunións con responsables da OMS, representantes de distintos países e membros crave da Comisión Europea implicados nas políticas de control do tabaco.

Reclamo de máis ambición

O eurodeputado recoñeceu os avances acadados polo Goberno de España, especialmente o novo Plan Integral de Prevención e Control do Tabaquismo e o reforzo das medidas fiscais e de espazos sen fume. Non obstante, Casares sinalou a necesidade de que Europa dea un paso máis aló.

"Como español podo estar satisfeito polos pasos dados; pero como lexislador europeo non podo dicir o mesmo," afirmou.

Casares considera prioritario avanzar con decisión en varios aspectos no marco da FCTC:

  • Frear os novos dispositivos: Cómpre actuar contra a expansión dos novos dispositivos de nicotina que están a enganchar a milleiros de mozos. Segundo o estudo ESPAD, un de cada cinco adolescentes europeos xa probou os cigarros electrónicos.
  • Máis ambición fiscal: É fundamental reforzar unha fiscalidade que actúe como unha ferramenta disuasoria efectiva, especialmente para a poboación máis nova.
  • Combater o contrabando: Sinalou a necesidade de combater con máis contundencia o comercio ilícito de tabaco, que xera perdas de máis de 10.000 millóns de euros anuais na UE e financia redes de criminalidade organizada.

O tabaquismo, a maior ameaza prevenible

O tabaquismo segue a ser o principal factor de risco das tres causas de mortalidade máis importantes na UE: as enfermidades cardiovasculares, o cancro e as enfermidades respiratorias. Segundo datos da Comisión, causa ao redor de 700.000 mortes anuais no conxunto da Unión e está detrás de máis do 90% dos casos de cancro de pulmón.

"A loita contra o tabaco debe intensificarse, non retroceder. Non podemos permitir que se normalicen produtos que enganchan ás novas xeracións e perpetúan a maior causa prevenible de morte en Europa”, concluíu Casares.

A UE, ante o reto global do tabaco: Casares preside a delegación do PE para frear o repunte da nicotina entre a mocidade