Dano cerebral adquirido
Visións que transforman: O cinema achégase a Pontedeume e As Pontes para sensibilizar sobre o dano cerebral adquirido
Pontedeume/As Pontes, 2 de xuño de 2025 – A colaboración entre Dano Cerebral Galicia, federación que agrupa cinco asociacións galegas e máis de 2.300 socios, e EuroEume, unha asociación de desenvolvemento local con 40 colectivos na comarca do Eume, permite achegar esta actividade a dous puntos estratéxicos da comarca: Pontedeume e As Pontes.
A película elixida para esta edición é 'Fálame de ti' (Un homme pressé. Hervé Mimran, 2018), unha obra que narra a historia dun exitoso home de negocios cuxa vida dá un xiro tras sufrir un ictus. O filme explora as profundas dificultades na fala e na memoria que lle ocasiona este evento, así como o proceso de readaptación á nova situación grazas ao apoio dunha logopeda. A través desta trama, o ciclo busca amosar o traballo de rehabilitación e as implicacións que ten a chegada do dano cerebral adquirido na vida das persoas.
As proxeccións, de carácter gratuíto, terán lugar en dúas asociacións veciñais locais. A primeira cita será mañá, martes 3 de xuño, ás 16:00 horas, na AVV Breamo (Campolongo, Pontedeume). A segunda sesión celebrarase o xoves 5 de xuño, tamén ás 16:00 horas, na AVV As Campeiras (As Pontes).
Para poder asistir, é imprescindible inscribirse previamente contactando coa terapeuta ocupacional de EuroEume a través do teléfono 664 845 694 ou do correo electrónico terapiaocupacional@euroeume.org.
Este ciclo, organizado por Dano Cerebral Galicia e EuroEume, conta co apoio das asociacións veciñais anfitrioas e do Concello de Pontedeume. A iniciativa está ademais financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade, a través dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, grazas á solidariedade das persoas que marcan a ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.
Lembrar que o dano cerebral adquirido é unha discapacidade que na maioría dos casos (78%) é causada por un ictus, aínda que tamén pode orixinarse por traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais, anoxias ou infeccións. As súas secuelas, moitas delas invisibles, maniféstanse de diversas maneiras, impactando a nivel físico, sensorial, cognitivo, condutual e emocional, con fondas repercusións sociais e económicas para as persoas e as súas familias.