“Se gañamos aquí, gañamos en todos lados”

Estas son as palabras que Robert Jordan, un brigadista estadounidense, di no libro de Ernest Hemingway “Por quen dobran as campás”.

Un libro ambientado na Guerra Civil Española. Jordan, un estadounidense decide ir combater nunha guerra moi lonxe da súa terra. Decide ir para loitar por un País que non coñece. Non só vai loitar pola Liberdade dese País no que nunca estivera antes, vai loitar tamén pola Liberdade en todo o mundo. Sabe que a loita pola liberdade, pola xustiza social, polas persoas que menos teñen, pola igualdade... é unha loita imprescindible. E unha batalla gañada por esas causas xustas en calquera sitio, gañase en todos lados.

En moi poucas semanas imos asistir en Coruña a unhas eleccións locais. Eleccións ás que van seguir unhas Eleccións Xerais este mesmo ano e unhas Eleccións Galegas para o ano que ven.

É moito o que nos xogamos. E debemos loitar para gañar. Para acadar unha vitoria en todos os lados.

Dinnos que non vai haber unha candidatura de Unidade Popular. Unha mala nova, moi mala, para moita xente. Semella incomprensible.

Porque son moitas máis cousas as que nos unen que as que nos separan. 

Vimos con moita ilusión a aparición en Galicia de AGE coma novo espazo de ruptura, descendente de moitos movementos sociais en Galicia, e inspiradora de outros espazos similares no Estado Español. 

Agradecemos o imprescindible papel de ANOVA unindo o soberanismo a ese espazo de ruptura.

Recoñecemos a aparición de PODEMOS coma un sopro de aire fresco. Un intento de sobordar os límites establecidos.

Contemplamos con alegría a adaptación de Esquerda Unida, exemplo durante moitos anos de continua loita, a eses espazos de ruptura.

E celebramos esa Primavera municipalista de 2015, nunca a Primavera foi tan fermosa coma ese ano. O municipalismo veu para quedarse e resulta unha parte imprescindible e fundamental para acadar esas vitorias que signifiquen unha vitoria en todos lados.

Xunto a estas forzas unha morea de organizacións veciñais, feministas, ecoloxistas, de movementos sociais... que loitaron, que loitan, por esas vitorias.

Que ninguén arrebate esa ilusión que merecemos e que tan indispensable é nestes tempos tan difíciles. O enemigo é moi duro, terrible. Que non haxa cómplices da súa vitoria.

Somos as das mulleres sufraxistas que loitaron pola igualdade e polo dereito ao voto, somos os mineiros galeses que nos anos 70 rebeláronse contra o brutal sistema liberal, somos das que loitaron nas Encrobas, ou contra os verquidos nucleares na Fosa Atlántica, ou en tantas loitas ecoloxistas. Somos as que en 1977 se manifestaron en Barcelona para esixir dereitos para o colectivo LGTBIQ+. Somos as de Nunca Máis.  Somos as das mulleres que loitan en cada sitio do mundo pola igualdade real.

Somos as de Rosa Luxemburg, Alekxandra Kolontai, Salvador Allende, Harvey Milk, Nelson Mandela, Anxo Casal, Marina Ginestá, Alexandre Bóveda, Juana Capdeville, Marcos Ana ou María Casares. 

Somos as de calquera muller ou home que loitan por unha causa xusta en calquera parte de mundo. E se gañan, por pequena que semelle esa loita, gañase en todos lados. Coa súa loita salvan o mundo.

En 2015 na Coruña todos e todas unidas interpelabamos ao 99% da xente. Sigamos facéndoo. Ninguén se pregunta  agora que quere ese 99%? Alguén cre que ese 99% entende que non haxa candidatura unitaria de Unidade Popular?

En Chile ou en Brasil ducias e ducias de organizacións políticas, feministas, municipalistas, ecoloxistas, veciñais... apoiaron a Gabriel Boric e a Lula da Silva. Por que non podemos facer o mesmo na Coruña? E gañaremos, e gañaremos en todos lados.

Loitemos, con todo, para acadar esa candidatura. Pidamos as responsables que o acaden. É o seu deber. Fagamos entre todas e todos que esta Primavera de 2023 sexa tan bonita coma a do 2015.

Que ninguén pase a historia por negarse. Estamos a tempo. Sempre se está a tempo para a Primavera, para a loita.

Gañemos na Coruña e gañaremos en todos lados. E o Mundo, aínda que sexa por un instante, será mellor.