Coloquio co feminismo

O pasado 27 de Febreiro co gallo do día da muller traballadora organizamos na nosa canle de Youtube un coloquio co feminismo galego organizado na CUT, CIG e a Marcha Mundial das Mulleres, co obxectivo de analizar como un movemento social tan diverso como o feminismo conseguiu ser un movemento de masas e cales son os seus retos de futuro.
Mpi
Mpi

Este acto na nosa axenda, tivo unha intencionalidade moi clara. En épocas onde o patriarcado con brazo executor na extrema-dereita, alimentada polos medios de comunicación, trata de desestabilizar, frear ou arrebatar os dereitos das mulleres obtidos mediante anos de mobilización e loita, nós debemos dar unha resposta acorde cos tempos e organizarmonos en chave feminista.

Asistimos en todo o mundo a un auxe do fascismo patrocinado polas oligarquías, que ven na extrema-dereita, a solución máis eficaz para manter a estabilidade en épocas de crise e recesión económica. Este medre é totalmente premeditado como ben nos demostrou a historia recentemente.

No caso do Estado Español, temos ao neo-franquismo no parlamento e en todos os medios de comunicación, o que permite que sexan eles os que marquen a axenda política do momento. Desta volta, como non, atacaron ao feminismo, primeiro plantexando poñer o día das vítimas da Covid no mesmo día que o da muller traballadora para invisibilizar a data e as
demandas feministas, e despois presentando que a mobilización do 8M era unha irresponsabilidade na situación actual da pandemia. Mentres defendían outras mobilizacións como lexitimas, como as manifestacións negacionistas ao redor de todo o Estado, ou as fascistas que pedían a volta do holocausto xudeu.

Ao longo da historia houbo colectivos subordinados a outros para manter a hexemonía, sobre todo a de clases. Isto aconteceu a nível racial, nacional e de xénero onde as mulleres polo feito de selo foron subordinadas ou relegadas á subordinación do home. A extrema dereita reivindica toda esta subordinación desde un supremacismo que, a contrario do que os medios de comunicación pretenden facer pensar, non nace da ignorancia. Senón que son plenamente conscientes de que deben
invisibilizarnos, apartarnos e silenciarnos se queren manter o status quo.

É por isto que entendemos o feminismo non só polas suas victorias, senón sobre todo polas suas dinámicas, como elemento fundamental para facer fronte á alianza entre fascismo e capitalismo. Neste coloquio abordamos como un futuro que aposte polo progreso da sociedade, ten que ser lido necesariamente con lentes lilás e que aposte por transformar radicalmente o noso sistema económico cara un, no que sexa a clase traballadora o suxeito político das decisións, e non a oligarquía, e onde as mulleres teñan un papel básico na organización social, política e económica.


Poderás ver o pasado encontro aquí