Parque de Oza
A Xunta de Compensación do Parque de Oza cumpre os prazos para completar O Castrillón
A Xunta de Compensación do API Q28 “Parque de Oza” cumpriu os prazos marcados no convenio asinado co Concello da Coruña o pasado mes de xuño, rematando o borrador do PERI (Plan Especial de Reforma Interior) e a avaliación ambiental estratéxica. Estes documentos son un paso crucial para completar o desenvolvemento urbanístico do barrio do Castrillón.
Un dos aspectos máis destacados deste proxecto é o incremento da superficie destinada a uso e dominio público, que agora alcanza o 63% do terreo, superando incluso o porcentaxe inicial acordado no convenio. Esta aposta por un modelo máis sostible e permeable, en liña cos estándares urbanísticos europeos, busca crear espazos que vertebran e comunican as diferentes áreas, afastándose das construcións en pantalla e coidando a mobilidade.
Os documentos serán presentados nos próximos días tanto ao Concello da Coruña como ás distintas asociacións de veciños e outros actores implicados, nun xesto de transparencia e participación cidadá.
A previsión é que en outubro, a asemblea de propietarios da Xunta de Compensación —na que participan pequenos propietarios, a Fundación Juana de Vega, Aliseda, a Sareb e o propio Concello— ratifique o documento. Unha vez aprobado, o Concello poderá remitilo á Consellería de Medio Ambiente para o inicio da tramitación ambiental.
O equipo redactor traballou intensamente durante todo o verán para cumprir cos prazos. A finalización deste PERI supón un paso adiante para que os propietarios poidan, despois de máis de dúas décadas, exercer os seus dereitos edificatorios. Estes terreos, no seu momento, xa serviran para ceder espazo ao Concello para a apertura de viais, a construción do Parque de Oza e a creación de equipamentos públicos como a piscina municipal.