Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa

Historia escríbese en feminino: A Coruña homenaxea ás súas referentes silenciadas

O proxecto "Mulleres na Rúa" reivindica un rueiro máis igualitario co renomeamento simbólico de vías e unha semana de actividades que poñen o foco nas achegas femininas á cidade.
Historia escríbese en feminino: A Coruña homenaxea ás súas referentes silenciadas
Cartel Mulleres na rúa
Cartel Mulleres na rúa

A Coruña, 17 de novembro de 2025 - A desigualdade na representación no rueiro coruñés é rotunda: o 92% das rúas da cidade herculina levan nomes de homes. Fronte a esta disparidade, o proxecto "Mulleres na Rúa", impulsado pola Asociación Veciñal Oza, A Gaiteira, Os Castros, anuncia unha semana de actos e reivindicación para visibilizar e reparar a memoria de mulleres cuxas achegas foron silenciadas ou insuficientemente recoñecidas.

Acto central e xustiza histórica

Entre o 24 e o 30 de novembro, A Coruña será o escenario dunha serie de encontros, espazos de debate, accións culturais e un percorrido reivindicativo que busca combinar a homenaxe coa celebración do legado feminino.

O sábado 29 de novembro terá lugar o acto central cun percorrido reivindicativo que comezará ás 13:00 horas na Travesía da Gaiteira, que será renomeada simbolicamente como rúa Marisol Soengas, en honra á bióloga molecular coruñesa e referente internacional na investigación contra o cancro. A comitiva, animada pola batucada feminista Trópico de Grelos, seguirá por diversas rúas da zona ata rematar na rúa José Fariña Ferreño.

Este punto final será clave, xa que a rúa será simbolicamente renomeada como rúa Mercedes Romero Abella, como un "acto de xustiza histórica" á mestra republicana, activista e defensora da educación pública que foi asasinada durante a Guerra Civil. A súa historia simboliza a forza das mulleres que loitaron por un futuro máis xusto.

Anímase á veciñanza a participar no percorrido e levar pancartas coa frase “Historia escríbese en feminino”, como símbolo de reivindicación e visibilización do legado das mulleres.

MULLERES NA RÚA (Cartel)
MULLERES NA RÚA (Cartel)

Programación para a reflexión e sororidade

Ademais do percorrido, "Mulleres na Rúa" desenvolverá unha variada programación cultural e de reflexión:

  • Luns 24 de novembro (19:30 h - Biblioteca Fórum): Iníciase a semana co #LunsDeEncontros, unha conversa coa escritora Eli Ríos.

  • Martes 25 de novembro (17:00 h - Asociación Oza-Gaiteira-Os Castros): Lanzamento de Sororidade en Común, un novo espazo estable de encontro feminino e intercambio.

  • Domingo 30 de novembro (19:00 h - Teatro Fórum Metropolitano): O peche correrá a cargo do concerto "Xeografias" de Sofía Espiñeira, un espectáculo que mestura música, danza e poesía visual para explorar as relacións entre corpo, territorio e identidade, con entrada gratuíta ata completar aforo.

Esta iniciativa, que conta coa financiación da Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello da Coruña, busca non só visibilizar as referentes do pasado, senón tamén abrir camiño ás novas xeracións de mulleres na ciencia e noutros eidos. A información completa da programación está dispoñible en www.mulleresnarua.com.

Historia escríbese en feminino: A Coruña homenaxea ás súas referentes silenciadas