Buscar
15:50h. Miércoles, 13 de Diciembre de 2017

PRESENTACIÓN DO VOLUME XVI ADICADO Ó CAMIÑO INGLÉS DE “A GRANDE OBRA DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO-ITER STELLARUM”.

O Camiño de Santiago, unha “vía de vías” que percorre todo o país, documentado en 16 volumes

Dar a coñecer a riqueza patrimonial das vías de peregrinación a Compostela é o obxectivo de A Grande Obra dos Camiños de Santiago-Iter Stellarum.

Portada volúmen XVI
Portada volúmen XVI

Coa publicación do tomo XVI, —que será presentado este venres 10 de novembro na sede de Hércules de Ediciones polo Alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o ex conselleiro de Educación e Cultura e creador e impulsor do Plan Xacobeo, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe; o coordinador da obra e experto en cuestións xacobeas, Segundo Vázquez Portomeñe e o presidente de Hércules de Ediciones, Francisco Rodríguez Iglesias— conclúe un novo camiño deste ambicioso proxecto editorial: o Inglés.

Unha nova andaina editorial arredor das rutas xacobeas

O Camiño de Santiago —suma de múltiples “Camiños”—, un lugar de peregrinación e de encontro entre persoas e pobos a través dos séculos, chegou aos nosos días convertido nun símbolo de fondo arraigo na cultura occidental.

A importancia desta gran vía cultural para a nosa Comunidade, e mesmo para Europa, xunto co compromiso constante de Hércules de Ediciones con Galicia, impoñíanos a responsabilidade de abrir un novo camiño, desta vez editorial, arredor das rutas xacobeas. Un camiño que, despois de máis de quince anos de intenso traballo especializado, pasa polo idioma galego, pero tamén polo castelán, polo portugués e polo inglés: catro edicións para unha obra universal.

Coa publicación de A Grande Obra dos Camiños de Santiago queremos contribuír á construción da historia viva dun itinerario que foi o verdadeiro eixo vertebrador da personalidade e a conciencia de Europa ao longo dos seus mil douscentos anos de historia.

Coa publicación do tomo XVI son xa seis os Camiños analizados polo miúdo 

Hércules de Ediciones vén de publicar o volume XVI, que aborda a historia das peregrinacións por mar e a orixe do Camiño Inglés de Santiago, pero tamén as características actuais da devandita vía, que cada vez conta con máis peregrinos.

O chamado Camiño Inglés de Santiago, itinerario marítimo-terrestre, é unha ruta de dobre ramal, con inicio na Coruña e en Ferrol, o que lle dá unha traza de “Y”, con unión na zona de Hospital (parroquia de San Lorenzo de Bruma), pequena aldea pertencente ao municipio de Mesía onde antigamente situábase un hospital de peregrinos, do que se conserva recordo no topónimo que dá nome ao lugar.

A Coruña foi a ruta principal desde os tempos medievais, dado que o porto herculino tivo o privilexio de entrada e saída de mercadorías e viaxeiros, mentres Ferrol e outros portos eran unha opción secundaria, dependendo, sobre todo, das circunstancias climáticas para a navegación. Na actualidade, con todo, Ferrol atrae cada vez máis peregrinos.

O volume XV descóbrenos o Camiño da Costa que se dirixe a Compostela polo País Vasco e Cantabria (itinerario que foi obxecto de análise nos volumes XIII e XIV). Parte, neste tomo, do oriente de Asturias, atravesa portos e vilas do centro e o leste do Principado para enlazar co chamado Camiño Norte e unirse ao Camiño Francés en Arzúa.

O tomo XII trata do Camiño Primitivo, que comezan en León os peregrinos que deciden abandonar o Camiño Francés para visitar o relicario de San Salvador na Catedral de Oviedo. De volta chegan a Melide, onde se unen de novo ao Camiño Francés.

Os tomos IX-XI debuxan o Camiño Portugués. O primeiro volume trata os Camiños do Norte de Lisboa. O seguinte tomo percorre os Camiños do Sur e do Interior, e o terceiro afonda no Camiño Portugués xa en Galicia.

Os oito tomos anteriores, ademáis de facer unha rigorosa análise do significado histórico e cultural do fenómeno xacobeo (tomo I), comezan explicando o nacemento e a evolución tanto da catedral compostelana (tomo II) como da mesma cidade (tomo III). E seguidamente comeza a análise dos verdadeiros protagonistas, os Camiños, co percorrido polas dúas rutas máis coñecidas: o Camiño Francés (tomos IV-VI) e a Vía da Prata (tomos VII-VIII).

Á calidade dos textos e das imaxes desta obra súmaselle o valor de representar a cultura galega máis alá das nosas fronteiras e espallala, tanto polos centros culturais e universidades do resto de España, como de todo o mundo. A publicación atópase en bibliotecas tan prestixiosas como as das universidades de Berkeley, Princeton ou Harvard, en Estados Unidos ou a de Trier en Alemaña, entre outras.

  • Volume I: Peregrinación e Camiños Volume II: Santiago de Compostela: unha tumba, unha catedral
  • Volume III: Santiago de Compostela: unha cidade, un centro de relixiosidade, arte e cultura no occidente europeo
  • Volume IV: Camiño Francés (I) Volume V: Camiño Francés (II) Volume VI: Camiño Francés (III)
  • Volume VII: Vía da Prata (I) Volume VIII: Vía da Prata (II)
  • Volume IX: Camiño Portugués (I) Volume X: Camiño Portugués (II) Volume XI: Camiño Portugués (III)
  • Volume XII: Camiño Primitivo
  • Volume XIII: Camiño Norte (I) Volume XIV: Camiño Norte (II) Volume XV: Camiño Norte (III)
  • Volume XVI: Camiño Inglés