Buscar
05:30h. Miércoles, 23 de Mayo de 2018

O ALCALDE E O CONCELLEIRO DE REXENERACIÓN URBANA VISITARON A AGRA DO ORZÁN

A rúa Páramo e máis cousas para a Agra do Orzán

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, visitaron onte a Agra do Orzán, onde o Concello tamén iniciou a mellora da pavimentación da rúa Barcelona e onde ten previsto acometer o proceso de humanización da praza das Conchiñas e a reconstrución do Muíño de Agramela

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, visitan as obras da rúa Páramo con veciñanza da zona
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, visitan as obras da rúa Páramo con veciñanza da zona

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, visitaron esta xornada distintas zonas da Agra do Orzán, de cara a revisar as obras xa realizadas e as que se atopan próximas a súa finalización no barrio, así como comentar coa veciñanza as vindeiras actuacións, entre as que destaca a reurbanización da rúa Alcalde Liaño Flores, proxecto que xa está redactado e aprobado, pendente de licitación, e que consiste na renovación da pavimentación, tanto da rúa como da calzada. Segundo explicou o concelleiro Varela, esta actuación "non só comporta a renovación de superficies e mobiliario urbano", senón que, "máis alá diso, e mediante un reaxuste de medidas, a intención do goberno local é transformar esta rúa nun pequeno bulevar arborado con bancos, nunha zona especialmente densa". Cun orzamento máximo de 339.000 euros e un prazo de execución de tres meses, entre os axustes previstos, destaca a ampliación da beirarrúa no treito que comprende equipamentos e centros escolares (Escola Infantil Municipal e Instituto Agra do Orzán). "Esta intervención está proxectada en consonancia ao traballo que estamos a desenvolver dende o Concello para que as contornas dos centros escolares conten con espazos amplos de espera e socialización para a comunidade educativa", comentou. A obra tamén prevé que a presenza vexetal na rúa aumente de forma notable, "algo que nos permitirá levar espazos verdes ao interior da Agra, zona especialmente densa que contrasta neste aspecto cos espazos abertos da zona do Ágora". Ademais das árbores xa existentes, plantaranse 12 novos exemplares.

Debido ao cambio de posición dos bordos das beirarrúas, está previsto que se constrúan novos sumidoiros. As accións na rede de pluviais tamén incluirán a recollida das correspondentes baixantes que transcorren polas fachadas, "algo que será especialmente beneficioso, tendo en conta que existen inmobles que aínda están sen conectar á rede municipal e que vertían directamente sobre a beirarrúa". Por último, e do mesmo modo que o resto de actuacións municipais en espazo urbano que comporte unha reurbanización, aproveitarase para executar canalizacións municipais de telecomunicacións e alumeado.

Á marxe destes proxectos, onte comezaron as actuacións na rúa Barcelona de cara a reparar e mellorar o estado do pavimento. Esta obra comporta un investimento de 61.659 euros e conta cun tempo estimado de execución de catro semanas.

Monumento aos Liberais e Muíño de Agramela

 

O titular de Rexeneración Urbana recordou, ademais, que ao longo deste ano tamén está previsto que o Concello acometa os traballos de humanización da praza das Conchiñas, que darán resposta ás demandas veciñais xurdidas tras a realización durante o pasado mandato da obra do aparcadoiro. Entre as accións que se abordarán destaca a ampliación da zona de xogos (para a que ser reserva un investimento de case 250.000 euros), a creación dunha zona de sombra, o cambio de posición do circuíto de exercicios biosaudables. "Este ano tamén procederemos á reinstalación do monumento dos Liberales", dixo o concelleiro, quen indicou que, neste momento, "estase a estudar a localización máis axeitada na actual praza".

Entre os traballos de recuperación da memoria patrimonial e histórica da cidade tamén está prevista a reconstrución do Muíño de Agramela. O responsable municipal adiantou á veciñanza da zona que "este mes rematarán os traballos de investigación" sobre a histórica infraestrutura, principal elemento de identidade da zona anterior á urbanización do barrio. "Posteriormente, a nosa intención é escoller a súa localización última de forma consensuada coa cidadanía", explicou.

Obras en execución

 

Os representantes municipais tamén visitaron as zonas onde o Concello acomete nestes momentos obras de reurbanización. O edil Xiao Varela fixo fincapé en que as actuacións nas rúas Páramo e Almirante Mourelle están xa "próximas a culminar". A primeira ten un orzamento de máis de 200.000 euros, mentres que a segunda ronda os 40.000 euros.

A intervención realizada en Páramo abrangue o treito situado entre o cruce con Vila de Negreira e a rúa Barcelona. Nesta última intersección, ademais, os traballos serviron para renovar a totalidade da confluencia entre ambas vías coa rúa Canceliña. "A obra de Páramo xerará un alto impacto na contorna, xa que non só se mellora de forma notable a accesibilidade da rúa, senón que, ademais, a mesma dotarase de espazo verde e de zonas de encontro para a veciñanza", manifestou, á vez que recordou que, rematados os traballos de reurbanización, as beirarrúas terán un ancho tipo de 1,50 metros, quedando unha calzada de sete metros nas que se distribúen dúas franxas de aparcamento en liña e un carril de circulación.  Pola súa banda, as obras de Almirante Mourelle concluirán coa renovación da calzada e a beirarrúa deste espazo, de cara a facelo máis accesible. A actuación contemplaba tamén a mellora da rede de saneamento e recollida de pluviais e o cambio do pavimento da calzada, que pasa a ser de formigón. A obra inclúe tamén a estabilización do muro que salva a diferencia de altua entre a propia rúa e o Camiño do Pinar.

Obras xa realizadas

 

Á marxe destas actuacións, no que vai de mandato, o goberno local acometeu, no seu empeño en rematar con deficiencias históricas detectadas nos barrios, distintas intervencións no barrio. En concreto, ao longo do ano pasado, realizaronse obras en Vila de Negreira (cun investimento de 155.000 euros), Gil Vicente (154.000 euros) e Meira (108.000 euros).

En canto a actuacións de mantemento, dende o verán de 2015 até xaneiro deste ano, os servizos municipais detectaron 351 incidencias de distinta tipoloxía na zona da Agra do Orzán, das cales 284 están xa resoltas, o que supón un 80% das mesmas. Así, contabilízanse 116 actuacións en beirarrúas, 57 en bancos, 21 en áreas infantís, 19 en calzadas, 17 en arquetas, 2 en áreas biosaudables, 14 en varandas e valados, 12 en papeleiras, 11 en pasaxes de vehículos, 4 en bolardos, 4 en pracas de rúa e 3 en postes, ademais de traballos en sinais de tráfico, pasos de peóns e hidrantes.