Buscar
14:44h. Miércoles, 17 de Octubre de 2018

Memoria histórica | Nota de prensa | “19 de Meirás”

Os “19 de Meirás” voltan ao Pazo para seguir a exixir que sexa devolto ao pobo galego

Os “19 de Meirás” voltan ao Pazo para seguir a exixir que sexa devolto ao pobo galego

“Un ano despois seguimos a defender que esta é unha exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo” indicaron

O colectivo "19 de Meirás" agrupa ás persoas que foron denunciadas pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco após a acción simbólica e pacífica realizada

19 de Meirás
19 de Meirás

O colectivo “19 de Meirás” realizou esta mañá unha rolda de prensa fronte ao Pazo de Meirás coincidindo co aniversario da acción simbólica e pacífica acontecida hai un ano nese mesmo emprazamento.

Na mesma, tal e como explicou o voceiro d@s 19 de Meirás, Anxo Louzao, “hai hoxe un ano, un grupo de galegos e galegas, demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais e da memoria, decidimos realizar unha acción pacífica e simbólica, que consistiu en despregar dúas faixas da fachada principal do Pazo de Meirás que temos ás nosas costas. Deste xeito reclamábamos a intervención dos poderes públicos para que o patrimonio usurpado após o golpe de estado fascista polo ditador Francisco Franco fora recuperado para o pobo galego” indicou.

Como consecuencia desta acción un total de 19 persoas, @s “19 de Meirás” foron denunciadas pola familia Franco e a Fundación Francisco Francoe serán chamadas a declarar en sede xudicial no vindeiro mes de setembro. Louzao expresou que “un ano despois queremos manifestar que nos reafirmamos nesta acción simbólica e pacífica que xa conseguiu un dos seus obxectivos: reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar ás institucións públicas a se manifestar ao respecto. Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como está, o que demostra a súa utilidade e necesidade” indicou.

Porén, o obxectivo fundamental non está aínda cumprido: a devolución ao pobo galego do Pazo de Meirás. Non pararemos até conseguilo. É necesario e é posíbel, porque é exclusivamente, unha cuestión de vontade política. Se hai vontade política de facelo, pódese facer. Non só no “Valle dos caídos” (que tamén) senón para devolverlle ao pobo galego o patrimonio que lle foi expoliado por unha atroz ditadura” sinalan desde o colectivo 19 de Meirás.

No que atinxe á denuncia formulada pola familia Franco, desde o colectivo sinalan que “é unha barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Mais unha vez, estase a tentar criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel. Mais, vese aínda acentuada a gravidade porque quen o fai é a familia do ditador, que se aproveita e beneficia do botín de guerra, e unha fundación que, polos seus obxectivos de realizar apoloxía do fascismo e da ditadura, non debería existir e menos aínda ser receptora de subvencións públicas do Estado” indican.

Para nós, e para a maioría de galegos e galegas, defender a democracia, a liberdade, a xustiza e a dignidade colectiva non é apenas un dereito, senón unha obriga. Trátase dunha exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo” concluíron.