Buscar
08:26h. Miércoles, 13 de Diciembre de 2017

CONVIDA AO PP “A IR AO XULGADO SE REALMENTE TEN DÚBIDAS”

O alcalde reitera “a legalidade e transparencia” do proceso de adxudicación da cesión de usos do antigo cárcere

Ferreiro cualificou de “especialmente graves” as acusacións vertidas polo grupo popular a respecto deste procedemento. “Non é comprensible facer demandas de diálogo e logo faltar á verdade e difamar a un goberno a través dos buzóns particulares da veciñanza”, censurou

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, atendendo aos medios
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, atendendo aos medios

Concello da Coruña | 23/11/2017

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reiterou este xoves "a transparencia, legalidade e exemplaridade" do procedemento administrativo que se abriu para adxudicar, mediante pública concorrencia competitiva, a cesión de uso de espazos do antigo cárcere provincial da Coruña, co obxectivo de desenvolver nas citadas dependencias proxectos de dinamización cultural e sociocultural. Así se manifestou o rexedor, ao seu preguntado pola prensa, este xoves, en referencia a uns folletos elaborados polo PP e repartidos recentemente entre a veciñanza da cidade nas que se acusa, directamente, ao primeiro edil coruñés, de "adxudicar a xestión do cárcere a dedo". O mandatario reiterou, unha vez máis, que se o grupo popular "ten algo que dicir da adxudicación dos usos do edificio do antigo cárcere provincial, debería facelo nos xulgados". "Se realmente ten algunha dúbida sobre a limpeza do proceso, que foi absolutamente exemplar e acorde coa legalidade, que vaia ao xulgado. Non obstante, se non o fai ou se alí se lle quita a razón, espero que pida desculpas e que o faga, proporcionalmente, a través dos buzóns particulares de todos os coruñeses e todas as coruñesas", indicou. "O problema desta sorte de campaña do PP non é que critique ao goberno local, o problema principal é que mente e difama, neste caso, a min e ao resto do goberno municipal", comentou.

"Actuar desta forma revela un gran nerviosismo, semella que o PP xa non sabe por onde atacar a este goberno xa que se amosa incapaz de propoñer nada para a cidade. Nos dous anos e medio que levamos no goberno nunca escoitei unha proposta en positivo da súa formación, máis alá de dicir que A Coruña está feita un asco e de mentir. Paréceme especialmente grave poñer por escrito e darlle publicidade masiva a mentiras e insidias contra este goberno local, faltar á verdade e difamar a unha persoa, neste caso a min, a través dos buzóns da veciñanza", censurou.

Ao respecto, Ferreiro indicou que está a "estudar accións legais" contra a formación popular por esta acción. "Creo que o que fixeron é intolerable e cruza os límites da honestidade e do xogo limpo. A verdade é que estou moi decepcionado con todas e cada unha das persoas que conforman o grupo popular e que forman parte do Pleno deste Concello. Non podo comprender que fagan demandas de diálogo e que logo actúen deste xeito", lamentou.