Paz y Noviolencia

A resposta da vida ameazada: a nonviolencia chega á UDC

O pasado martes 30 de abril, a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña acolleu a conferencia “A resposta da vida ameazada”, organizada por Mundo Sen Guerras e Sen Violencia no marco da materia Educación para a paz, a resolución de conflitos e a cidadanía, impartida pola profesora Cathryn Teasley no grao de Educación Social.

 

A resposta da vida ameazada: a nonviolencia chega á UDC
Exposición "A resposta da vida ameazada"
Exposición "A resposta da vida ameazada"

As relatoras Marisa Fernández e Tamara Rademacher abordaron a situación actual como unha crise profunda, non só social, senón tamén individual e mundial, que compromete seriamente a vida no planeta. A través dunha perspectiva inspirada no Humanismo Universalista, denunciaron que o sistema que organiza a nosa sociedade —aínda que xerou avances tecnolóxicos e materiais— perpetúa o sufrimento a través de múltiples formas de violencia: física, psicolóxica, simbólica, de xénero, relixiosa, institucional ou ambiental.

Fronte a isto, propuxeron a nonviolencia activa como metodoloxía de transformación, unha práctica que non implica pasividade senón acción consciente, firme e ética. A súa proposta céntrase na idea de que o cambio real require coherencia entre o persoal e o social, recoñecendo que a violencia non só está nas institucións, senón tamén nos nosos pensamentos, sentimentos e relacións.

Exposición
Exposición

Durante a conferencia presentáronse exemplos históricos e actuais de acción noviolenta —como a desobediencia civil, os boicots, a non cooperación ou a creación de alternativas sostibles— e destacáronse campañas nas que a asociación está implicada, como A Coruña pola Paz, a obxección de conciencia, o Nonviolencia Activa Fest ou a participación na Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia.

A sesión rematou cun exercicio práctico baseado no libro "La regla de oro de la Noviolencia", no que o alumnado experimentou en primeira persoa a potencia transformadora de tratar aos demais como unha quere ser tratada. Un peche vivencial que reforzou a mensaxe central: a nonviolencia é un camiño persoal e colectivo, e a educación social unha ferramenta clave para sementar unha cultura de paz, xustiza e dignidade. 

A resposta da vida ameazada: a nonviolencia chega á UDC