Urbanismo

Dez razóns polas que saír mañá a rúa

A manifestación que esixe ao Estado a devolución gratuíta dos terreos e peiraos da fachada litoral da Coruña celébrase na Coruña a partir das doce deste domingo.

Dez razóns polas que saír mañá a rúa
Reparto de folletos e mesa de recollida de sinaturas esta mañá no Obelisco-min
Reparto de folletos e mesa de recollida de sinaturas esta mañá no Obelisco.

A Coruña volverá a ser escenario este domingo dunha desas xornadas de mobilización cidadá que, de cando en cando, demostran que a cidade segue viva e se defende. Desta volta, a manifestación convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común (setenta entidades e colectivos están con ela: ver aquí o manifesto) é apenas un primeiro chanzo nunha estratexia de confrontación co Goberno e os diferentes departamento ministeriais sobre os que recae a responsabilidade de decidir que facer co vello cárcere provincial e os demais terreos e espazos que a plataforma reclama para a cidade, para os seus veciños, para uso público sen ter que pagar un can polo que “é noso”, como insistiu esta semana a Comisión.

Aquí anotamos dez razóns (haberá máis) polas que saír mañá a rúa a dicir que A Coruña non se vende.

Unha. Porque hai que defender o noso, como xa se fixo. “É a forza da cidadanía a que sempre logrou impedir operacións especulativas como os intentos de privatizar no seu día as antigas instalacións do Hospital Militar", recordou esta mañá a Comisión nun comunicado de prensa. Pilar Oviedo, que fora membro do Comité de Empresa do vello Hospital Militar, intervirá ao final da marcha.

Dúas. Porque as loitas continúan. A Comisión naceu en marzo de hai un ano para frear a especulación do Ministerio de Defensa cos terreos do Campo da Estrada, onde o Estado pretendía conseguir case 25 millóns de euros coa construción e venda de 300 novas vivendas. A poxa por eses terreos está suspendida, pero non de maneira indefinida, como reclama a plataforma. Alí naceu a idea de que calquera devolución á cidade de espazos que pertenzan ao Estado debe ser gratuíta, como xa sucedeu noutros casos noutras cidades.

Reparto esta mañá no Obelisco-min

Tres. Por unha devolución para sempre. No caso do cárcere, a veciñanza xa está empezando a desenvolver accións que permitan recuperar o edificio e, sobre todo, a memoria do lugar. A cesión ao Concello é por dous anos. Hai compromiso de iniciar a súa rehabilitación. Por que entón non devolvelo a cidade para sempre? No cárcere a batalla estase gañando, pero continúa.

Catro. Por unha devolución gratuíta. No caso da Solana e o Hotel Finisterre xurdiron diferenzas de criterio a hora de cómo o goberno municipal debe afrontar as negociacións coa Autoridade Portuaria. A concesión caduca no 2027 e hai vontade de que non se renove. Até aí o acordo. Pero Portos do Estado quer facer caixa cunha venda, o goberno da Marea di que reserva cartos para recuperar o uso público e a Comisión apela á moción que saíu aprobada no pleno do 6 de marzo para reclamar que non se pague nada. Nos chamados á mobilización deste domingo as diferenzas fixéronse patentes. Pero a vontade de que non se siga especulando con eses terreos que no seu día foran gañados ao mar parece común.

Asemblea terza feira-min

Cinco. Porque A Coruña non ten que pagar o Porto exterior. “Por que A Coruña ten que vender os seus peiraos para que Fomento rescate con máis de 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais de Madrid?”, pregúntase o manifesto da convocatoria. A Comisión advirte que a intención do Ministerio de Fomento e especular cos terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo “onde pretenden construír sete mamotretos de nove alturas cada un e unha edificabilidade de 34.458 metros cadrados para uso terciario”. E iso co argumento de que o Estado precisa cartos para rematar de pagar o Porto Exterior. Que o paguen o Estado, Fomento ou a Autoridade Portuaria, din desde a plataforma. Por que ten que pagar a cidade co que é seu”?

Seis. Polo apoio das institucións, por apoiar ás institucións. No bando que alcalde asinou e publicou onte non hai lugar a interpretacións. O bando asume os lemas da convocatoria segundo o acordo plenario. Desde a Comisión recordan que hai décadas que o Concello non se pronunciaba desta forma a favor dunha mobilización cidadá. Tamén as corporacións de Oleiros e Cambre decidiron sumarse á protesta e os seus alcaldes participarán na marcha deste domingo. As institucións precisan dun forte apoio cidadán para negociar co Estado. O resultado da convocatoria dirá como andan as forzas.

Sinaturas esta mañá no Obelisco 1-min

Sete. Porque hai un forte movemento asociativo detrás que mudou as súas reivindicación. Sindicatos, partidos, colectivos culturais, asociacións de veciños e outras entidades sociais están coa plataforma e coas súas reivindicacións. A crise económica mudou os tempos e as demandas dos movementos sociais, que xa non se conforman con denunciar a apropiación do territorio para lucro privado, agora loitan para recuperar o territorio.

Oito. Porque é hora de que a veciñanza decida sobre as cousas que lle afectan. A consulta democrática será un segundo chanzo. Está no acordo plenario: haberá un referendo popular entre os cidadáns da Coruña para decidir que se fai, que se quere facer, cos terreos que se gañen á especulación privada. Desta volta, á mobilización na rúa deberá seguir unha mobilización nas urnas. Para ir sumando lexitimidades.  

Nove. Porque a decisión de abrir Coruña ao mar e firme. Pase o que pase hai un tempo que rematou, o que na Comisión identifican como o tempo da política de poxas, venda da cidade a cachos, privatizacións a esgalla. A decisión de abrir a cidade ao mar, recuperando os terreos da fachada marítima non ten volta atrás. Tardará máis tempo ou menos, pero só hai un futuro posible na imaxinación da maioría da veciñanza.

Dez. Porque son momentos decisivos para camiñar cara un novo modelo de cidade. “Vivimos momentos decisivos para o futuro de propiedades vinculadas historicamente á cidade, e para o futuro da nosa fachada marítima, que sempre foi de titularidade pública”, explica a Comisión. E engade que a súa aspiración é a de “construír un novo modelo de cidade pensado para as persoas, que atenda ás necesidades da xente mediante a participación cidadá; un modelo que integre a fachada marítima na cidade, respectuoso co medio ambiente e con atención á mobilidade e á inclusión social”.

A Coruña non se vende-min


 

Dez razóns polas que saír mañá a rúa