ACAMPA 2017

“Se ti non pagas pola información, pagará Repsol ou Endesa, e será esa a información que teñas”

ENTREVISTA | Patricia Simón, xornalista

“Se ti non pagas pola información, pagará Repsol ou Endesa, e será esa a información que teñas”
Patricia Simón, á dereita, en Colombia (foto: Alex Zapico). Abaixo, nun campo de refuxiados en Xordania (Cristina Antuña).
Patricia Simón, á dereita, en Colombia (foto: Alex Zapico). Abaixo, nun campo de refuxiados en Xordania (Cristina Antuña).

Patricia Simón (Estepona, 1983) é xornalista freelance. Traballou en Canal Sur, foi subdirectora de Periodismo Humano, e colabora habitualmente en Pikara Magazine e Atlántica XXII. En Acampa impartirá mañá sábado un taller de comunicación baixo o título de Xornalismo para a transformación e o coidado social. É gratuíto e inda quedan prazas.

- De que trata o taller?

- É un taller que emprega ferramentas de traballo social, de dereito, de historia para abordar doutra maneira o xeito que temos os xornalistas de relacionarnos coas vítimas, sexan refuxiados, persoas en situación de exclusión ou vítimas de violencia de xénero, por exemplo. Moitas veces o que facemos e re-vitimizar porque pomos o foco nas debilidades. Aquí propoño o enfoque fortaleza, que resalta a capacidade das vítimas para superar ás dificultades, facerlles fronte. Non explotar tanto a parte dramática das historias, senón destacar a capacidade de sobrevivir ás viaxes en caiucos, aos CIE, á explotación sexual.

- Por que ese enfoque?

- Ademais de que se evita esa re-victimización, considero que pode ter máis interese para o destinatario, o lector ou espectador. E resulta máis enriquecedor facer fincapé tamén en factores políticos, de estrutura social ou desigualdade.

- O que propós é cambiar as preguntas?

- Cambiar a mirada. Os xornalistas debemos situarnos en posición de igualdade coas vítimas, non miralas desde unha posición de superioridade. A cuestión é onde poñemos o foco.

- Como se conta desde esa mirada a historia dun refuxiado?

- Pois preguntándolle como foi a súa viaxe, que violencias sufriu, como conseguiu chegar até aquí… temos que tirar leccións, aprender da súa historia. Mire, isto vén dunha reflexión sobre cal é o noso nivel de resiliencia. Creo que está baixo. A miña avoa, que era xornaleira, tiña outra capacidade para afrontar os problemas da vida. A avoa, que pertencía a unha clase agredida e empobrecida, que me ensinou que sós somos débiles diante dos poderes, que nos queren tristes, afrontaba as cousas con alegría.

- Hai alegría na vida das vítimas?

- Pois claro! As circunstancias están aí, pero eles seguen vivindo, e elles preciso tamén ter momentos alegres. É un feito que a xente en dificultades faise máis solidaria porque para sobrevivir necesitan uns dos outros.

- Como ve o xornalismo hoxe en España?

- Penso que hai grandes profesionais, pero que atopan problemas para desenvolver o seu traballo polo modelo empresarial dos medios de comunicación, que non están a cumprir a súa función social. Non se pode facer xornalismo desde eses medios, ou cada vez semella máis difícil. As redaccións reducíronse, a xente xa non sae, así costa moito facer xornalismo.

- Teñen os medios dixitais unha alternativa a iso?

- Hai moitos medios dixitais que o intentan: La Marea, Pikara, El Salto, Diario, e non só desde Madrid; en Asturias está Atlántica, en Cataluña, La Directa… Pero a cultura de todo gratis en Internet é un problema. Hai que convencer á xente de que ten que pagar pola información. Porque se ti non pagas pola información, pagará Repsol e Endesa, e será esa a información que teñas.  

- Que fórmula cres que se imporá: a dos muros de pago, a das subscricións…?

- Non o sei. Penso que a fórmula non é o importante; o importante é que a xente se convenza de que ten que pagar.

- Que esperas de Acampa?

- Que demostre que non estamos nin cansas nin aburridas de facer estas cousas. Que a cidadanía organizada é capaz de dedicar tempo e talento para pór en evidencia que a clase política está a desobedecer o mandato, porque a maioría social pide que se axude aos refuxiados.

Patricia Simón no campo de Zaatari, Jordania. Foto Cristina Antuña


 

“Se ti non pagas pola información, pagará Repsol ou Endesa, e será esa a información que teñas”