Buscar
13:02h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

Letras 2017

17 libros galegos para o día 17

Ermitas Valencia, da Livraria Suévia, escolle as novidades máis salientables segundo xénero.

Uns días antes da celebración das Letras, Ermitas Valencia fai unha escolla entre o amplo catálogo de novidades en galego e, unha a unha, vai deitando os libros nun pequeno pupitre da Suévia e explicando as virtudes dos textos, autoras e editoriais como agasallo pola festa.


Narrativa

A Dúbida. María Reimondez. Xerais

A Dúbida. María Reimondez. Xerais, 2016. 136 páxinas. 16,85 euros.

“Foi Premio de Novela por Entregas de La Voz, así que cada capítulo convida a buscar o seguinte. É unha narración lixeira e áxil. A protagonista é unha muller que vai tocando temas de moita actualidade, coma o maltrato ou a corrupción. É fácil de ler”.


Poesía

Se os carvalhos falassem. Concha Rousia

Se os carvalhos falassem. Concha Rousia. Através editora, 2016. 8 euros.

“Son poemas que rememoran e poñen en valor a vida rural. É unha poetisa que sabe espertar no lector o cariño por esa Galiza da nosa infancia. Creo que moita xente da súa xeración sentirase identificada co que escribe”.


Ensaio

O TTIP Un cabalo de Troia contra a nosa soberania. Bernardo Valdes Xosé M. Carril (coord)

O TTIP: Un cabalo de Troia contra a nosa soberanía. Bernardo Valdés/ Xosé M. Carril (coord). Laiovento, 2016. 180 páxinas. 16,65 euros.

“Ademais dos coordinadores atopamos textos de Alba Nogueira, Carlos Aymerich, David Soto e María do Mar Pérez Fra. Benvidas sexan estas visións galegas de asuntos de relevancia internacional. Non son moi comúns. Aquí dan conta dos efectos para o país dese tratado que negocia ás costas da xente e ameaza con destruír o sistema de benestar público en todas partes”.


Xuvenil

Marta e a Pintega. Eli Rios

Marta e a Píntega. Eli Ríos. Galaxia, 2016. 132 páxinas. 11,75 euros.

“Este segundo traballo de Eli Ríos, con ilustracións de Patricia Román, conta as aventuras da píntega que salta de conto en conto para facer unha nova lectura das narracións tradicionais. Para nenos de até dez anos de idade. Eli e Patricia coñecéranse despois de gañar o Premio Pura e Dora Vázquez”.


Libro ilustrado

Caer de Cu polo Universo. Estíbaliz Espinosa

Caer de Cu polo Universo. Estíbaliz Espinosa. Apiario, 2016. 32 páxinas. 16,00 euros.

“É unha edición moi coidada, coma todas as de Apiario, que normalmente edita poesía. Está ilustrado por Lucía Cobo. A protagonista é unha nena que percorre o Universo e vai descubrindo cousas del. Non é un libro de ciencia, pero resulta moi pedagóxico”.


Libro-CD

Cancións para desafinar. Gramola Gominola

Cancións para desafinar. Gramola Gominola. Galaxia, 2016. 24 páxinas e cedé. 19 euros.

“Gramola Gominola son un grupo de músicos que edita de novo un traballo seu neste formato. Iago Araújo é o ilustrador. Son debuxos moi desenfadados, como as letras. Para que as nenas e nenos bailen con ritmos de rock ou funk”.


Teatro

A filla de Woody Allen. Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios. O Furancho. Santiago Cortegoso

A filla de Woody Allen. Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios. O Furancho. Santiago Cortegoso. Edicións Morgante, 2016. 172 páxinas. 14 euros.

“A verdade é que se publica bastante teatro. Non hai moita costume de lelo. Pero estas tres pezas de Ibuprofeno son ben divertidas. Están pensadas para formatos pequenos, con poucos actores. O Furancho, por exemplo, tivo moito éxito nos escenarios con María Bañobre e Isabel Risco como actrices.”  


Biografía

García e os seus arredores. Bernardo Maiz

Amada García e os seus arredores. Bernardo Maiz Vázquez. Edicións Embora, 2017. 464 páxinas. 24 euros.

“Para min foi a forma de  descubrir a unha muller valente e loitadora que me era descoñecida. Moitas mulleres de aquí da Agra, que viñeran de Ferrol e cando nenas coñeceran ou escoitaran falar de Amada, viñeron mercar o libro. Iso constitúe unha memoria viva daquela época. E moitas que non sabían todo o que pasara, din que ficaron horrorizadas ao ler o libro.”

Sobre a presentación do libro na Coruña: pincha aquí.


Novela histórica

Os nenos da Variola. María Solar

Os nenos da Varíola. María Solar. Galaxia, 2017- 208 páxina. 11,88 euros.

“É unha das novidades máis vendidas nos últimos meses. A historia que se conta é ben coñecida, pero a autora toma unha perspectiva galega, conta aquela viaxe dos nenos da expedición de Balmis desde as súas experiencias coruñesas. E fai un retrato de época da cidade”.


Tradución

O Gozo das Damas de Émile Zola

O Gozo das Damas de Émile Zola. Irmás Cartoné, 2016. 532 páxinas. 18,50 euros.

“Celia Recarey é a responsable da tradución e Carlos Valdés, da edición. A verdade é que son unha empresa pequena pero con moito gusto. Especialízanse en traducións. Esta novela de Zola é unha descrición dos primeiros centros comerciais, daquelas galerías, das relacións de traballo e do nacemento das técnicas de venda. Moi interesante para unha cidade ateigada de grandes superficies como Coruña”.


Gastronomía

Mel nas filloas! Biscoitos, Doces e Sobremesas de Galicia. Rocío Garrido

Mel nas filloas! Biscoitos, Doces e Sobremesas de Galicia. Rocío Garrido Caramés. Galaxia, 2016. 136 páxinas. 20 euros.

“A autora ten un blogue de éxito [http://www.cocinademiabuelo.com/]e a partir de aí foi construíndo unha reputación. Este é un libro que mostra un percorrido polas receitas de doces de toda Galiza. A curiosidade levouna a procurar as receitas nos lugares orixinais”.


Relato

Bibliópatas e Fobólogos. Emma Pedreira

Bibliópatas e Fobólogos. Emma Pedreira Lombardía. Galaxia, 2017. 148 páxinas. 13 euros.

“Relatos e micorrelatos que están tendo moi boa venda porque se trata dunha autora xa consolidada e que nos ofrece un libro moi divertido, con sentido do humor, acidez e intelixencia a esgalla. Emma rise da nosa idiosincrasia, da cultura e da nosa forma de ver a vida, que son tamén as dela”.  

Emma Pedreira nunha presentación de María Canosa: pincha aquí


Política

Bolcheviques 1917-2017. Teresa Moure (Coord.) Através Editora

Bolcheviques 1917-2017. Teresa Moure (coord.). Através Editora, 2016. 186 páxinas. 15 euros.

“Son ensaios de intelectuais galegos de hoxe, historiadores, lingüistas, xornalistas… que tratan da pegada no país daquel acontecemento histórico que foi a Revolución rusa de 1917. É un libro homenaxe a aquel fito desde diversos ámbitos pero cunha perspectiva galega”.


Feminismo

Machismos de micro nada. Coodinado por Fiadeiras

Machismos: de micro nada. Coordinado por Fiadeiras. Embora, 2015. 88 páxinas. 15 euros.

“Moi didáctico e recomendable para todo tipo de públicos, mesmo para aqueles que se senten moi lonxe do feminismo. Son textos breves de diferentes autoras, contemporáneas ou non. Trata de rachar cos modelos sexistas para que incorporemos a perspectiva de xénero ao día a día das nosas vidas”.


Sociolingüística

Galegocalantes e Galegofalantes. Carlos Callón

Galegocalantes e Galegofalantes. Carlos Callón. Xerais. 2017. 232 páxinas. 17 euros.

“Hoxe está Callón na Agra presentando estea recompilación de artigos de prensa e revistas na que analiza, en primeiro lugar, a política do PP respecto da lingua desde o 2009. Os problemas de retroceso e desamparo. E, en segundo lugar, abre novas vías para solucionar eses problemas. Non é un libro pesimista. Eu diría que é clarificador”.  

Sobre a presentación do libro na Coruña: pincha aquí


Terror

Cando cae a luz. María Canosa

Cando cae a luz. María Canosa. Urco Editora, 2017. 124 páxinas. 13 euros.  

“É unha colección de relatos de terror ben interesante e que se está vendendo ben. Son medos diría que realistas, porque todos os coñecemos e recoñecemos. Está moi ben escrito, e como curiosidade é a primeira incursión da autora neste xénero. A novela de xénero en galego ten o seu público.”

Sobre a presentación do libro na Coruña: pincha aquí


Banda Deseñada

O Bichero VI. Davila

O Bichero (VI). Davila. Edición do autor. 118 páxinas. 14,25 euros.

“É o sexto da serie deste debuxante e caricaturista que publica unha tira a diario no Faro de Vigo. Aquí recolle algunhas das que tiveron máis aceptación nas redes sociais. Davila ten un blogue [http://obichero.blogspot.com.es/] no que vai dando difusión aos seus traballos, e estes libros tamén son edicións do autor. Recolle un xeito de ser galego con moito sentido de humor. Un humor, penso, difícil de comprender fóra do país.”