LIBROS

“A lingua precisa soberanía”

Carlos Callón presentou onte Galegofalantes e Galegocalantes na Agra do Orzán. Un libro “exacto e doloroso”, segundo o definiu García Negro.

“A lingua precisa soberanía”
Presentación do libro de Callón na Agra.
Presentación do libro de Callón na Agra.

“A lingua precisa soberanía”, dixo Carlos Callón, mestre, político, activista polo idioma, despois dunha longa presentación da súa última obra, unha recompilación de artigos e intervencións públicas en defensa do galego especialmente intensa desde 2009, cando o cambio de goberno, cando o regreso do PP ao poder abre unha nova etapa de regresión da lingua.

Callón rematou a charla debuxando tres escenarios posibles a partir de tres casos de evolución do español: o de Filipinas, o de Porto Rico e o de Cuba. Onde o español foi totalmente esquecido (Filipinas), onde se mantén como lingua familiar das clases populares e dunha parte do movemento político soberanista (Porto Rico), e onde se normalizou completamente diante do inglés (Cuba).

Veleno

Ni optimista nin pesimista respecto di futuro do idioma, Callón ve “o vaso medio cheo de veleno”. Ana Martíns, mestra no rural, insubmisa coas normas, que mereceu un aplauso da sala, deixou a ampla relación de agravios que recolle o libro de Callón, que pediu ese aplauso para ela. Así andan as cousas, que son as mestras as que se xogan o soldo coma hai cen anos, douscentos, “porque isto vén de moito antes do franquismo”, dixo Callón. E Pilar García Negro alertou: “as nenas e os nenos de hoxe teñen menos familiaridade co galego ca que tiña eu cando nena hai cincuenta e pico anos en pleno franquismo nunha cidade como Lugo”.

Presentación na Agra do libro de Callón

Provocación

García Negro arrancou provocadora: “É o galego unha lingua?”. E despois disparou contra quen dispara ao idioma. Contra os medios de comunicación –“contribúen á españolización e ao estrañamento de nós mesmos”–, contra o Consello da Cultura e a Real Academia Galega –“non están a altura, non pasan de ser compracentes, mesmo disparan activamente contra os que xogamos no campo da lingua”–, contra o aparello da Xustiza –“que despreza esa mínima legalidade existente coa que defender o idioma”–, contra as institucións políticas do país –“que nunca se utilizaron para normalizar a lingua”. “A democracia que nacía negando a democracia, un novo dispositivo político que negaba os dereitos nacionais da Galiza reforzando a dependencia e a dominación”, dixo a profesora para cualificar o réxime do 78. E aí seguimos.

“A lingua non lle basta coa fala”, advertiu desde o mesmo estrado desde o que hai unhas semanas reclamara a descolonización de Rosalía.

Na procura do antídoto

Callón abundou na crítica. Sinalou a política de homenaxe a lingua como a única política lingüística real. “Fálase de promover, mais non se promove”, indicou. “É como si desde o Sergas, no canto de camas, quirófanos, médicos, enfermeiros… se dedicaran a darnos conferencias”. E denunciou elevando o ton e a man: “Somos a única lingua de Europa que temos prohibida por lei a inmersión”.

Daquela, se o vaso está medio cheo de veleno, se as forzas españolizadoras e compracentes van gañando, por que segue vivo o galego, preguntouse Callón. “Pola forza do desexo, que, ollo, tamén pode apagarse”, explicou antes de reclamar nación, autoridade política, sermos donos de nós, para salvar a lingua. E despois anunciou que anda embarcado noutra pescuda, na xenealoxía do veleno, nunha historia negra das agresións á lingua, buscando o antídoto. Como dixo García Negro, para que haxa lingua, a lingua ten que servir por igual a todas as clases sociais, ten que ser ubicua e ten que renovarse.

Garcia Negro con Carlos Callón onte na Agra


 

“A lingua precisa soberanía”