Parlamento Europeo
Ana Miranda (BNG) reclama financiamento no FEMPA para renovar a frota pesqueira con eficiencia enerxética

Bruxelas, 20 de maio de 2025.— A eurodeputada do BNG Ana Miranda reclamou hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) inclúa axudas para a renovación da frota cando esta incorpore medidas de eficiencia enerxética. Durante o debate sobre a descarbonización do sector pesqueiro, Miranda advertiu de que non existe un calendario realista para esta transición sen unha avaliación previa das particularidades de cada flota.
“Non o digo eu, o di o departamento de Economía Pesqueira e Recursos Naturais (ECOPESCA) da USC: non hai alternativa realista a día de hoxe”, sinalou. A eurodeputada insistiu en que a descarbonización debe aplicarse “cando haxa alternativas viables” e criticou que o FEMPA non estea preparado para ofrecer solucións adaptadas.
Impacto na pesca artesanal
Miranda destacou o desafío que supón a transición ecolóxica para a frota artesanal galega, que inclúe 4.000 embarcacións con limitacións de espazo e tecnoloxías. “Calquera cambio debe ter en conta estas dificultades”, subliñou, reclamando un enfoque flexible.
Sobre a fiscalidade verde, recordou que os impostos só serán xustos se se aplican a todas as frotas, non só á europea, para evitar desventaxas competitivas.
Gran Sol: “Un respiro, pero non xusto”
Respecto ao novo acordo pesqueiro con Reino Unido para o Gran Sol, Miranda cualificouno de alivio tras anos de recortes, mais criticou a súa falta de equidade. “Felicitámonos pola redución da redución, mais seguiremos atentos”, afirmou, referíndose á mellora nas quotas para a frota galega.
O BNG presentará emendas ao informe sobre descarbonización para garantir que a transición non deixe atrás aos sectores máis vulnerables.