Memoria Histórica

Os usos do cárcere primarán os proxectos de recuperación da memoria

O Concello acordou as bases da convocatoria pública para desenvolver actividades no vello cárcere durante un ano.

Os usos do cárcere primarán os proxectos de recuperación da memoria
Cárcere
Patio entre o muro exterior e o corpo principal do edificio do cárcere.

A cesión de uso dos espazos terá un prazo dun ano, prorrogable anualmente, e un mínimo dun 40% da programación a desenvolver se reservará “a accións destinadas á recuperación da memoria histórica, o apoio e posta en valor dos novos creadores locais e a promoción de actividades que non teñen lugar noutros espazos da cidade con carácter regular”, segundo a convocatoria que determinará os usos do vello cárcere que en breve se levará ao BOP.

Ademais, a entidade cesionaria, deberá "garantir a apertura ao público durante un mínimo de 104 días ao ano e 4 horas ao día". A cesión realízase a título gratuíto, pero a entidade poderá cobrar unha tarifa pola participación nas actividades que organice.

As concellerías de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Culturas, Deporte e Coñecemento e Participación e Innovación Democrática serán as encargadas de rexer a convocatoria, que, segundo se especifica na nota de prensa emitida polo Concello, está dirixida a entidades sen ánimo de lucro rexistradas no REMAC e ten como obxectivo o desenvolvemento de proxectos de dinamización cultural e sociocultural poñendo especial relevancia na recuperación da memoria histórica, no apoio e na posta en valor dos novos creadores locais e a promoción de actividades que non teñen lugar noutros espazos da cidade con carácter regular.

Panóptico no cárcere da Coruña

O prazo de presentación de propostas será de 45 días naturais a partir da publicación, inda pendente, da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Cabe recordar que varias asociacións que se coordinan a través do Proxecto Cárcere, xa presentaron hai semanas un plan de viabilidade que incluía propostas de uso, entre elas, algunha das demandas da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica para habilitar o espazo como lugar de memoria, sen convertelo nun museo, mais reservando dependencias para a futura Oficina de Atención ás Vítimas do Franquismo ou outros organismos de recuperación da memoria.

Cárcere da Coruña


 

Os usos do cárcere primarán os proxectos de recuperación da memoria