Ensino
O BNG esixe medidas urxentes ante as filtracións de auga no CEIP Wenceslao Fernández Flórez
A CORUÑA | 2 de febreiro de 2026
A situación do CEIP Wenceslao Fernández Flórez chegou ao despacho do Goberno Local da Coruña. A concelleira do BNG, Mercedes Queixas, rexistrou unha batería de preguntas por escrito para alertar sobre a entrada reiterada de auga de chuvia nas instalacións escolares. Unha problemática que, segundo denuncian dende a ANPA do centro, está a comprometer o normal funcionamento das clases e a seguridade do alumnado.
Caldeiros e aulas asolagadas
A realidade diaria no centro educativo vese alterada cada vez que as precipitacións fan acto de presenza. Segundo detalla Queixas na súa exposición de motivos, o panorama no interior do colexio é preocupante:
- Presenza de caldeiros: Instalados nas aulas para recoller as goteiras, entorpecendo o paso de alumnos e docentes.
- Asolagamentos: Episodios de entrada masiva de auga en determinados espazos.
- Danos estruturais: Apodrecemento de madeiras, fendas nas paredes e desprendemento de pintura dos teitos.
"O Wenceslao Fernández Flórez debe volver ser un espazo seguro, amábel e confortábel coa comodidade que precisa a comunidade educativa", sinalou a concelleira nacionalista.
Un conflito de competencias
Aínda que Mercedes Queixas xa trasladou esta demanda ao Parlamento galego —instando á Xunta a incluír unha partida nos orzamentos de 2026 para unha reforma integral—, o BNG sinala que o Concello non pode quedar de brazos cruzados. Ao ter as competencias en mantemento básico, o Goberno Local debe actuar con "dilixencia" para frear o deterioro inmediato do edificio.
Neste sentido, a formación nacionalista solicita saber que actuacións de mantemento realizou o Concello neste CEIP nos últimos seis anos. Así mesmo, inquieren se existiu algunha comunicación coa Administración autonómica para que esta última se comprometa a solucionar as filtracións que proveñen de fachadas e tellados.