Aeroporto Alvedro
O PP urxe a Inés Rey a "defender Alvedro" ante a posible perda do voo a Londres e o conflito dos controladores
A CORUÑA | 2 de febreiro de 2026
A situación do aeroporto de Alvedro volve ao centro do debate político ante o que o Grupo Municipal Popular cualifica como unha "parálise preocupante" do Goberno local. Tras varias mocións aprobadas por unanimidade no Pleno, o PP reclama á alcaldesa, Inés Rey, que pase á acción para garantir tanto a seguridade operativa da terminal como a continuidade das conexións internacionais estratéxicas.
Inseguridade na torre de control
Un dos puntos que xera maior inquedanza é o conflito laboral que atravesan os controladores aéreos. O PP advirte de que a situación de inestabilidade e inseguridade denunciada por estes profesionais non só prexudica aos usuarios e traballadores, senón que pon en risco servizos críticos como o transporte de órganos para transplantes.
Desde o grupo popular lembran que xa no Pleno de xullo de 2025 se aprobou unha moción para instar a AENA a garantir unhas condicións laborais dignas e para rexeitar frontalmente que os voos de Alvedro sexan controlados desde Vigo. "Inés Rey non levanta a voz ante Madrid, a pesar de ser do seu mesmo partido", critican os populares, denunciando que a alcaldesa ignora os acordos plenarios mentres o servizo se deteriora.
O abismo de Londres e a falta de contratos
A preocupación empresarial e cidadá céntrase tamén na conectividade. O contrato do enlace con Londres-Gatwick finaliza o vindeiro mes de abril e, a día de hoxe, non hai noticias sobre a súa renovación. O PP esixe que se asegure esta ruta e que se traballe seriamente para recuperar a conexión con Heathrow, perdida tras a pandemia.
"Quedarse sen ningún voo a Londres sería un duro varapalo para a economía e o turismo da cidade", sinalan desde o PP.
A esta incerteza súmase a falta de licitación de novos contratos para outros destinos clave. Malia que no Pleno de xaneiro deste ano se instou por unanimidade ao Consorcio de Turismo a publicar os concursos, as rutas con Málaga, Valencia e Gran Canaria tamén expiran entre marzo e abril sen que o Concello movese ficha.
Unha "falla de xestión" que alarma ao sector
Para o Grupo Popular, a demora na publicación dos contratos aéreos é unha mostra máis da falta de previsión do Executivo local. Mentres os prazos se esgotan, a cidade enfróntase ao risco de perder competitividade fronte a outros aeroportos galegos, deixando no aire o futuro inmediato dunha infraestrutura vital para A Coruña.