O BNG reclama á Xunta un plan económico urxente para salvar a Orquestra Sinfónica de Galiza
A Coruña, 1 de agosto de 2025. A delicada situación económica que atravesa o Consorcio para a Promoción da Música pon en risco o futuro da Orquestra Sinfónica de Galiza (OSG). A débeda de máis de cinco millóns de euros que a Xunta mantén coa entidade derivou na cancelación do concerto da Orquestra Xove nas festas de María Pita e obriga á xerencia a aplicar medidas extraordinarias para garantir a continuidade do proxecto.
A deputada do BNG Mercedes Queixas anunciou o rexistro dunha batería de iniciativas parlamentarias, incluíndo proposicións non de lei, preguntas orais e por escrito, para instar á Xunta a que acorde coa nova xerencia do Consorcio, dirixida por Juan Antonio Cuéllar, un plan económico extraordinario. O obxectivo é resolver “de forma progresiva e no curto prazo” a débeda que, segundo Queixas, “está a comprometer a viabilidade do proxecto musical e didáctico de excelencia que lidera a OSG dentro e fóra do país”.
A orixe do déficit remóntase ao incumprimento do convenio de 2004, polo que a Xunta se comprometía a achegar 3 millóns de euros anuais á OSG. Segundo denuncia o BNG, o Goberno galego do PP leva máis dunha década sen cumprir esta obriga, acumulando unha débeda que supera xa os cinco millóns.
O asunto xa fora debatido no Parlamento o 21 de novembro de 2024, cando o PP votou en contra de asumir a débeda. Porén, tras as recentes declaracións da nova xerencia, o BNG considera que existe agora “unha xanela de oportunidade” para que a Xunta rectifique e restitúa os compromisos adquiridos en 2004, garantindo a continuidade dun dos principais activos culturais de Galiza.