A Coruña terá por fin o seu Consello Local da Lingua Galega, froito do acordo de investidura e da persistencia do BNG
A Coruña, 6 de xullo de 2025 – A creación deste órgano era un dos dous elementos básicos da Ordenanza do Galego, aprobada polo Pleno en xuño de 2021 por impulso do BNG e co voto contrario do Partido Popular. A concelleira nacionalista, Mercedes Queixas, xa denunciara no pasado mes de xuño a demora na posta en marcha deste consello, así como a pendencia do Plan de Normalización Lingüística.
"Celebramos que por fin o Consello Local da Lingua Galega vaia ver a luz. Levabamos moito tempo insistindo moito nesta cuestión", salientou Francisco Jorquera, portavoz do BNG. A proposta da Alcaldía para a creación do Consello e as súas normas de funcionamento recibiu o visto e prace na Comisión de Economía e Facenda, Planificación Urbana e Administración Xeral, sen necesidade de pasar polo Pleno.
Pendente o Plan de Normalización Lingüística
Aínda que a posta en marcha do Consello Local da Lingua Galega é unha excelente noticia, resta aínda por aprobar o Plan de Normalización Lingüística (PNL), o outro piar fundamental para o desenvolvemento pleno da Ordenanza do Galego. O BNG continuará traballando para que este plan vexa tamén a luz canto antes.
Tamén Avances no Consello Económico e Social
Ademais dos avances no ámbito lingüístico, este luns a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de regulamento do Consello Económico e Social (CES). Este asunto será debatido no Pleno do vindeiro venres 11 de xullo.
A creación do CES é tamén unha vella demanda do BNG e a súa institución fora aprobada polo Pleno en decembro de 2020, hai xa case cinco anos. Naquela altura, o Pleno instaba o Goberno Local a crear o CES e a que este elaborase un Plan de Desenvolvemento Económico da cidade e da comarca. Do mesmo xeito que o Consello da Lingua, a creación do CES tamén formaba parte do acordo de investidura, subliñando o compromiso do executivo local con estas dúas importantes estruturas participativas e de planificación para A Coruña.