Plan Municipal de Accesibilidade Universal
BNG Alerta de que o Goberno Local aínda non licitou o Plan Municipal de Accesibilidade Universal
A Coruña, a 27 de xuño de 2025.- A concelleira nacionalista Avia Veira, quen rexistrou un feixe de preguntas por escrito ao respecto, considera "particularmente grave" que o Goberno Local non avanzase neste compromiso, fundamental para unha Coruña máis inclusiva. Tal e como apunta Veira, o executivo coruñés si contratou o 21 de outubro de 2024 unha asistencia técnica para a redacción dos pregos do contrato de servizos para a elaboración do Plan, pero a licitación definitiva segue pendente. "A esta altura de 2025, descoñecemos o contido destes pregos", lamenta a nacionalista.
Ante esta situación, a concelleira cuestiona ao Goberno Local sobre a data prevista para a aprobación da licitación do Plan. Ademais, insiste na necesidade de que o proceso de elaboración inclúa un espazo de participación cidadá, tal e como defende o BNG. "Vai contar o Goberno Local con todo o tecido cívico no proceso de redacción deste plan?", inquiere Veira, subliñando a importancia de que o documento final sexa "o máis rico posíbel" coa contribución de toda a sociedade.
O BNG tamén quere saber se o futuro Plan de Accesibilidade Universal abranguerá unicamente medidas para o propio Concello, como a formación do funcionariado, ou se a súa aplicación se estenderá tamén ao ámbito privado. "En definitiva, queremos un plan participativo e realmente transversal. Non se pode ter unha Coruña verdadeiramente democrática —isto é, con igualdade plena para todas as persoas, con independencia da súa idade ou condición física— se non alcanzamos a accesibilidade universal para todas as coruñesas e coruñeses", conclúe Avia Veira, reafirmando a súa defensa dunha cidade accesible para todos.