Festas María Pita
Un modelo de festas que falla: improvisación en María Pita e falta de compromiso co tecido veciñal
Unha carga excesiva para as asociacións
Movemento Sumar Coruña sinala que diversas entidades veciñais xa expresaron o seu malestar polo funcionamento actual das festas. Este sistema traslada toda a carga organizativa ás asociacións, que se ven na obriga de xestionar permisos, contratacións, loxística e difusión por conta propia. Esta situación xera desigualdades evidentes entre os barrios e penaliza ás entidades con menor capacidade, limitando a diversidade e a participación real nos festexos.
Trinidad Palacios, covoceira de Movemento Sumar Coruña, critica duramente esta situación: "a xente dos barrios está fartándose; en vez de apoiar e coordinar, o Concello lles solta a man e díxolles que se busquen a vida". Para Palacios, esta falta de acompañamento institucional tradúcese nun maior traballo para as asociacións, menos seguridade xurídica e, en moitos casos, unha perda de calidade e continuidade nos festexos populares.
Transparencia e participación, grandes ausentes
O atraso continuado na publicación do programa das Festas de María Pita é outro dos puntos críticos para Sumar Coruña. O feito de que se anuncie a última hora e sen transparencia é, para Palacios, inaceptable. "Unhas festas ben feitas anúncianse con tempo e coas portas abertas, non con improvisación e ocultismo", afirma. A covoceira engade que "non se pode falar de festas populares cando se ignora ao pobo" e reclama un cambio de rumbo, xa que "a cidadanía merece respecto, e as festas deben ser un reflexo da Coruña que somos: diversa, cooperativa e orgullosa dos seus barrios".
Propostas para un modelo corresponsable
Diante desta situación, Movemento Sumar Coruña propón un modelo alternativo baseado na corresponsabilidade real e no apoio directo aos barrios. As súas catro medidas concretas son:
- Publicación do programa xeral cun mínimo de 30 días de antelación, en formatos accesibles e dixitais.
- Un modelo mixto de organización, onde o Concello aporte infraestruturas, programación e apoio técnico, sen abandonar aos colectivos.
- Liñas de financiamento estables e xustas, con criterios de equidade entre barrios e garantías para entidades pequenas.
- Unha Mesa de festas participativa, que reúna entidades veciñais, culturais e sociais para deseñar conxuntamente a programación do ano seguinte.
Movemento Sumar Coruña conclúe que "A Coruña ten talento, ten cultura e ten barrios vivos que queren participar", pero que "o que falta é vontade política". Aseguran que, se o goberno local non é quen de garantir unhas festas públicas, participadas e ben organizadas, "outros estamos dispostos a construílas coas mans dentro e os pés no barrio".