magosto

Música, festa e 200 quilos de castañas no Magosto de San Roque e Labañou

Os Festicultores Troupe e Teatro Calavera encabezan o cartel do venres 7 de novembro, que inclúe obradoiros infantís, Samaín e máis de douscentos quilos do froito do outono.

Música, festa e 200 quilos de castañas no Magosto de San Roque e Labañou
Magosto en Labañou
Magosto en Labañou

🌰 O magosto volve con forza aos barrios de Labañou e San Roque. Este venres, 7 de novembro, a festa do outono será a gran protagonista cunha xornada completa que mesturará castañas, chocolate quente, teatro, decoración de cabazas e moita música, estendéndose desde primeira hora da tarde e ata a noite, coa actuación estrela dos Festicultores Troupe a partir das 21 horas.

A celebración terá lugar na praza da Tolerancia —co patio cuberto do CEIP de Prácticas como alternativa en caso de choiva—, e dará comezo ás 17 horas cun obradoiro de decoración de cabazas dirixido aos máis pequenos e pequenas, preparando o ambiente para o Samaín.

A partires das 18:30 horas será a quenda da música tradicional coa actuación do grupo de pandeireta dos cursos da asociación de veciños. Este servirá de preludio para a procesión de Samaín que se celebrará ás 19 horas, na que a rapazada poderá pasear as súas cabaceiras decoradas polo barrio.

O programa artístico continuará ás 19:30, cando Teatro Calavera interpretará o seu espectáculo musical infantil Akelarre Chispum. Máis tarde, ás 20:30, actuará o grupo de cantareiros Maghúa, quentando o ambiente para o peche da festa. O broche de ouro porao a recoñecida banda de música de rúa Festicultores Troupe, que tocará a partir das 21 horas, achegando a San Roque e Labañou a súa “festa máis salvaxe” e a diversión que os caracteriza.

Ademais das actividades culturais e musicais, os asistentes poderán degustar uns 200 quilos de castañas asadas, ofrecidas a só un euro por ración. Tamén haberá chocolate quente de balde para os máis pequenos.

Esta festa do magosto está organizada pola Asociación de Veciños de Labañou, San Roque, Cidade Escolar e Os Rosales e conta coa colaboración do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a ANPA do CEIP de Prácticas e a asociación de comerciantes da zona, Somos Nós.

Música, festa e 200 quilos de castañas no Magosto de San Roque e Labañou