Universidade da Coruña
O conflito da limpeza na UDC destapa a mala xestión da Xerencia
A Coruña - Dende decembro de 2023, o servizo de limpeza das instalacións da Universidade da Coruña (UDC) deu un xiro na súa xestión. O que ata entón estaba en mans de tres empresas privadas pasou a ser administrado directamente a través da Fundación da Universidade de A Coruña (FUAC). Este cambio foi recibido con optimismo e mesmo celebrado publicamente pola central sindical CIG, que daquela apostaba pola xestión pública do servizo, informando en roldas de prensa das promesas de mellora para o cadro de persoal.
As xuntanzas previas coa representación legal dos traballadores nese período viñan cargadas de mensaxes tranquilizadoras: pedíase paciencia, pero asegurábase que o persoal estaría mellor que coa xestión empresarial.
Dous anos e a resposta do "Non hai cartos"
Case dous anos despois daquel anuncio, a realidade é ben distinta. Cando o Comité de Empresa, xa electo, formulou a petición de aplicar as melloras prometidas para a plantilla, a xerencia da UDC respondeu cun rotundo "non hai cartos".
Porén, dende que se fixo efectiva a xestión a través da FUAC, a universidade leva aforrando importantes sumas. Os aforros proveñen de diversas vías: elimínanse os custos do IVE, a marxe de ganancia das empresas privadas, a amortización de postos de traballo pola non cobertura de xubilacións, e un aforro directo en persoal ao non cubrir baixas, permisos nin vacacións. A pesar desta economía, o cadro de persoal non ve reflectidas as melloras prometidas nin tampouco o respecto pola súa situación.
O paradoxo do gasto: recortes fronte a despidos millonarios
A tensión acentúase ao coñecerse a política de gastos da xerencia. A responsable actual da xerencia, que no pasado foi delegada da CIG na UDC, atópase agora no centro da polémica. Mentres se recorta no persoal de limpeza, a xerencia da UDC despilfarra recursos en despidos.
A día de hoxe, contabilízanse tres despidos, un deles o dun delegado sindical da CIG, un acto que foi declarado nulo en primeira instancia por vulneración de dereitos fundamentais. Nestes casos de represión, a xerencia chegou a ofrecer o dobre da indemnización que correspondería por un despedimento improcedente. Segundo a representación sindical, para a represión e os custos xudiciais, "os cartos non son un problema".
Ademais dos despidos, a plantilla sofre sancións e séntese excluída das consideracións básicas de seguridade, como o estudo do gas radón, evidenciando un trato que ignora a súa condición de persoal da Fundación.